Manuel Baltar supervisa as últimas operacións da captación termal protexida no Pazo Provincial

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de supervisar as últimas operacións de captación termal protexida que se están a levar a cabo no edificio de Pazo Provincial. A empresa encargada deste labor está a traballar para certificar se existe caudal suficiente no subsolo do inmoble para unha instalación termal que posibilite a construción do gran hotel termal na capital ourensá, proposto por Manuel Baltar. 

Unha vez rematadas as operacións técnicas, procederase á redacción dun informe que certificará o resultado dos traballos de prospección termal “para determinar a viabilidade de converter o Pazo Provincial nun hotel balneario de referencia en Europa”, afirma o presidente Baltar, quen encargou xa un anteproxecto no que se contempla que esta infraestrutura termal conte con 50 habitacións e todos os servizos dun hotel destas características. Baltar confirma o interese de varias operadoras e empresarios en formar parte desa explotación termal de luxo no Pazo Provincial, “que será un emblema, non só da cidade de Ourense senón de Galicia, un dos mellores hoteis de Europa nun Ourense que estreará a Alta Velocidade dentro duns meses e que pisará con firmeza nese sector termal europeo, importantísimo na pospandemia”, valora Manuel Baltar, tamén desde a súa perspectiva de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, que abrangue a 51 espazos termais de 18 nacións. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O gran hotel termal únese á estratexia do “Plan Termal” da provincia de Ourense, impulsado por Manuel Baltar e que desenvolven nos últimos anos Deputación de Ourense e Xunta de Galicia. Unha estratexia que tivo nos últimos días “un avance fundamental para a nosa riqueza termal”, como comentou Baltar, coa aprobación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, que vén de referendar a Conferencia Sectorial de Turismo, presidida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, na que toman parte as Comunidades Autónomas e a FEMP. 

Este Plan sintetiza unha estratexia para xerar competitividade nos municipios termais rurais da provincia de Ourense, sendo un dos 23 proxectos elixidos de entre as 301 candidaturas presentadas e a única delas coa singularidade termal. Prevé unha dotación de máis de tres millóns de euros a executar entre 2022 e 2024, co cofinanciamento do Ministerio, Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense. Destes, aproximadamente dous millóns de euros destinaríanse a infraestruturas, servizos e dotación de equipamentos que permitan presentar unha oferta turística innovadora e sostible, e realizar as captacións hidroxeolóxicas orientadas a novos investimentos no futuro.