O BNG postúlase como garante dunha sanidade pública forte

Noa Presas sinala que o 12X “xogámonos o modelo sanitario do futuro” tras 11 anos de recortes de Núñez Feijóo

Publicidade

Recuperación de cirurxía pediátrica; creación das unidades de ictus, xeriatría, endometriose; aumento do persoal na cociña e REA: algunhas das propostas do BNG para o CHUO

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro público en Ourense e reivindicou unha sanidade pública forte tras once anos de desmantelamento e privatizacións de Núñez Feijóo á fronte da Xunta. Asemade, Presas comprometeuse a blindar a atención primaria e aumentar o persoal e especialidades no CHUO “para non ser un hospital subsidiario de Vigo”, así mesmo destacou a recuperación de cirurxía pediátrica e a creacións das unidades de ictus, xeriatría e endometriose.

Durante o acto, as profesionais convidadas coincidiron en que a crise da COVID-19 amosou “máis que nunca” a importancia da sanidade e deixou en evidencia as consecuencias de 11 anos de Partido Popular, así como das políticas restritivas de gasto e contratación de persoal que impuxeron PP e PSOE desde o Estado durante a crise de 2009. Ao longo desta década, “vimos un goberno de costas ás profesionais e á poboación” con “constantes protestas para defender o que debería ser un dereito garantido”.

Pola súa banda, a cabeza de lista do BNG lembrou as constantes protestas nos Centros de Saúde e mesmo a mobilización da poboación da comarca de Monterrei co movemento #VerínNonSePecha contra o peche da sala de partos e a falta de pediatras para as crianzas.

“O modelo do PP é o modelo privatizador, algo que se viu tamén nas traballadoras públicas de Ourense coma os bombeiros que pagaron para facer os test do coronavirus” criticou Presas durante a intervención. Desde o BNG sinalaron que é “unha prioridade restablecer un modelo de sanidade pública, universal, de calidade e gratuíta”  financiada a través dun novo sistema de financiamento que deberá negociarse co Estado.

Presas destacou o Plano de actuación para eliminar as listas de espera con incremento do número de profesionais para introducir melloras organizativas que permitan desenvolver actividade ordinaria nos hospitais en quendas de mañá e de tarde. Así mesmo, propuxo a elaboración e publicación do Cadro de Persoal do SERGAS co obxectivo de “recuperar todos os postos de traballo eliminados desde o 2010 pola aplicacións das taxas de reposición e o recoñecemento das profesionais con contratos eventuais dos dereitos que lle corresponde”.

A cabeza de lista do BNG lembrou que o Parlamento Europeo ven de admitir un trámite a denuncia da voceira do BNG, Ana Miranda, respecto da situación das enfermeiras precarias e que a semana pasada no Congreso votouse a favor dunha emenda presentada polo nacionalista Rego para derrogar a taxa de reposición.

“É clave que as persoas que queren un cambio político galego e que sinte que a nosa sanidade está en perigo acudan a votar e confíen no BNG, será a garantía do cambio político que precisa este país” concluíu Presas.