Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


Nun artigo publicado en El pueblo[1], en 1935,Álvaro das Casas relátanos a súa visita aos pazos dos Quiroga; á casa de Cimadevila, en Banga, e á de Cabanelas, en Cabodevila, na que lle serviu de cicerone o meu “empregador” durante moitos veráns da década dos setenta, don Ángel Pagán Ramos, ao que cualifica como “inteligente maestro”. Con certeza debía selo se nos atemos ao seu número tres nas oposicións ao maxisterio que aprobou en 1917[2], sendo ben novo, o que lle permitiu pedir a escola de Cabanelas.

Pazo dos Quiroga en Santo Tirso de Mabegondo (Abegondo)

O mestre acabaría tamén administrando os bens dos Quiroga, cando estes estaban da man do sobriño político de dona Emilia, Jorge, e quizais xa en vida do seu pai Eduardo, do que algún día comentaremos o seu relevante papel como inspirador literario da condesa.

Don Ángel, home conservador e católico como correspondía á familia dos seus administrados, participou activamente tanto na asociación católica de mestres[3] como no “Sindicato católico-agrícola comercial del Ribero del Avia y Miño”[4] e soubo gañar o aprecio popular manexando con xeito os seus fíos para conseguir unha escola nova, con xardín, condicións hixiénicas e “el correspondiente material de enseñanza”, que, despois dunha misa solemne, na que se lle “administró la comunión a los niños”, inaugurouse con todo boato en presenza do inspector, de representación municipal, do director do convento de San Clodio e dos pais. A todos lles serviu un “esplendido desayuno” non sen antes entregarlles “a los 58 alumnos más aplicados una libreta de la Caja Postal de Ahorros con una peseta de imposición, obsequio hecho por el maestro Sr. Pagán, con el fin de inculcarles el amor al estudio, al trabajo y al ahorro”[5]. Don Ángel, este era o trato que se lle daba, tamén soubo engaiolar unha nativa de Cabanelas, dona Jorgelina, coa que casou en 1926, actuando como xuíz Jorge Quiroga[6], que foi tamén padriño do seu primeiro fillo, nomeado Eduardo[7] en lembranza do cuñado de dona Emilia.

Entre as brumas do meu espello emerxe unha dona Jorgelina de face difusa e un don Ángel, moi maior, pero aínda con boa planta, enfardado, con garabata e sombreiro de feltro, que subía con dificultade a costa do balneario apoiándose nun fino bastón, indicio de status, camiño da casa que tiñan na estrada de Astureses. Esa imaxe bretemosa xurdía no meu maxín cada vez que ollaba a Burt Lancaster troupeleando polas praderías da Italia setentrional anunciando a morte do vello Berlinghieri no Novecento do Bertolucci. Os dous, como Otero Pedrayo, eran pantasmas do século XIX; o mesmo que os seus administrados.

Mais volvendo ao rego e ao título. Entre os dous pazos, recórdanos Das Casas, pasou os seus días quen, no Ribeiro, era chamada “doña Mariquita”. A min chíanme os ouvidos e escoito dona Mariquiña, e así lle debían chamar, cando menos as xentes populares, diga o que diga o home de María Natividad Ulloa Sotelo, da casa dos Ulloa de Esposende de Ribadavia, ou dixérano como o dixeran as elites fidalgas.

Dona Mariquiña. Óleo sobre lenzo, 67,5×56; s-d,s-s. ültimo cuarto do s. XIX. Casa-museo EPB

Tratábase de María Asunción Pérez Pinal, aínda que a ela se refire como María Asunción Pérez de Deza y Pinal. Nisto a fidalguía era moi mirada; xa que tiñan que ficar neste chanzo baixo, moi baixo, con respecto da aristocracia, cando menos aparentar. Así que Das Casas, ou De las Casas era simplemente Casas, ou Mariquiña era só Pérez, o de Deza era un engadido, e dona Emilia era Pardo Rúa e non Pardo Bazán y Rúa Figueroa. Pero eses “des” daban “charmé”.

Ao que iamos, Mariquiña ou María Asunción, sogra de dona Emilia, naceu cando os mariscais Jean de Dieu Soult e Michel Ney andaban a fungueirazos pola nosa terra en nome da liberdade para só deixaren un xeito para amentar os cans, na casa de Quintela, en Catasós. Así que polo 1808. Era filla de Miguel Pérez Guerrero, administrador do conde de Lemos nas terras do Deza, e achegou ao seu matrimonio, casaron na igrexa de Banga o 16 de novembro de 1835, con Pedro Antonio Quiroga Mendinueta, as casas e rendas de Banga, Cabanelas, Corneda, no Irixo, e Quintela en Catasós; mentres que o seu home, que nacera co século dezanove e faleceu aos 75 anos, axuntaba as de Oleiros, Mabegondo, Redondelle na Peroxa e Osebe en Leiro.

Pazo de Redondelle, A Peroxa

Dinos Das Casas que morreu “rascandole los pies al siglo”, polo que non debeu de facelo moito antes que o seu fillo Pepe, marido da condesa.

Seguindo o fundador dos Ultreyas[8], alguén a alcumou “Doña Carlos III”, polas súas teimas construtoras. Ergueu a gran casa do Carballiño, que se debeu rematar nos primeiros anos da década oitocentista dos cincuenta, converteu a casa de Banga nun auténtico palacio e foi xenerosa coa construción da igrexa do Carballiño, á que agora se lle chama vella, e que non o é tanto, pois inaugurouse xa encetado o século pasado. Continúa o profesor de Noia “era una viejita muy donairosa (…) cónica y blanca como un huso de lana merina, arrugada como una uva pasa y sonriente como un hada de cuento” polo que seica deixou profunda pegada entre as xentes ribeirás. A señora de Banga chegou a gozar da amizade de Pepa “A Loba”[9] e actuar como a súa banqueira; cando a bandoleira precisaba cartos recorría a dona Mariquiña que llos emprestaba; non aclara se tamén os branqueaba. Das Casas refírese en todo momento a unha Pepa Loba de carne e óso e lamenta que non tivese ocasión de coñecela, relatando que nunha ocasión entrou, en Ribadavia, na casa dun “usurero matachín” que ao vela comezou a tremer e a pórse pálido, polo que xefa de gavela conformouse con pegarlle un par de labazadas e levarlle o chapeu fungo que despois alguén vendeu na feira de Maside.

Aquela dona Mariquiña que con tanto agarimo rememora Das Casas era a sogra, no máis pleno sentido pexorativo do termo, de dona Emilia, quen sempre a considerou responsábel do fracaso do seu matrimonio. Máis iso é asunto doutra muiñada.


[1] El pueblo gallego, 12/9/1935

[2] El correo de Galicia, 19/11/1917

[3] El correo de Galicia, 27/12/1919

[4] El pueblo gallego, 4/2/1927

[5] El pueblo gallego, 26/5/1927

[6] El correo de Galicia, 26/9/1926

[7] El pueblo gallego, 19/6/1927

[8] Sobre De las Casas pódese consultar Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán (2003): Álvaro de las Casas. Vigo : Galaxia.

[9] Tres lustros antes da crónica de Das Casas, Antonio Rey Soto viña de publicar una reelaboración novelada sobre esta mítica e multipresente personaxe, Rey Soto, A. (1918): La Loba. Madrid: Imprenta de Juan Pueyo. Sobre a célebre bandoleira escribiu o meu profesor de Historia Aurelio Miras Azor (1968): Juventud de Pepa Loba, Vigo: Faro de Vigo.

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.