Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego


As señoritas de Molende, Teresa e Elvira, de alá de Cebre, eran amigas das señoritas de Gondás, tres solteironas e unha “solterita”, aínda que máis aristocráticas. Tamén o eran das señoritas de Loiro que, cando entraban na feira do dezaseis en Vilamorta, cada unha portaba un fardo no que levaban a roupa de lucir, entre o van e a cabeza da burrica ou da mula respectiva. Daquela xa tiñan casa na vila onde se cambiar; noutros tempos amañábanse como podían no piñeiral do eco de Santa Margarida, antes de entrar na vila.

AVANTAR ACTIVIDADES

É sabido que Vilamorta é o Carballiño; dixemos que a condesa se refire ao Ribeiro como El Borde e chámalle Cebre a Cea. Aínda non sendo posíbel identificar con exactitude física outros topónimos que hoxe citamos é evidente a semellanza eufónica entre Molende, Gondás e Loiro con Leiro, Godas e Moldes; todos na contorna da Vilamorta real.

As señoritas de Molende eran ben diferentes entre si. Teresa, a da mula, grande amazona morena de ollos negros e raza montesía; Elvira, cabalgadora de burrica, sentimental e poética, emborralladora de papeis, como diría o avogado García do seu fillo Segundo, por quen a moza perdía os ventos, ante a indiferenza do soberbio Narciso. A fortaleza de Teresa permitíalle asombrar cando punteaba unha ribeirana en desafío danzante co señorito de Limioso. Este tivo que deixar Las Vides para comprobar se entre o oídio, os merlos, os veciños e as avespas lle deixaran un acio para un remedio. Tamén as señoritas de Molende tiveron que abandonar a festividade laboral da vendima para cumprir coas súas obrigas ao igual que moitas outras persoas convidadas porque “el que mas y el que menos tiene su poquillo de Borde”.

Teresa e Elvira tiveron que marchar por ser as súas mans necesarias e imprescindíbeis para colgar a uva do seu famoso tostado, celebre no país.

Pasificación para facer o tostado

Desta tarefa, “graciosa y delicada”, cóntanos dona Emilia[1], “suelen encargarse las mujeres, y muchas veces las señoras, por no fiar a nadie tal cuidado”. Aqueles acios pendurados de gallas de acacia ou de mimosa secábanse aos poucos “reconcentrando en la capsulita de cada globo de uva la ensencia y fragancia del zumo, como en rico pomo de ágata”. O tostado non se vende, dinos a Bazán, gárdase na bodega do colleiteiro, ás veces sotérrase para desenterralo o día da voda dun fillo ou do bautizo dun neto; daquela aparece convertido nunha “pella de azúcar”.

Como o fénix, o Ribeiro rexurdiu e hoxe podemos catar viños dunha e outra beira do Miño, do baixo Avia e do alto Ribeiro, coa personalidade dos colleiteiros que souberon coutar a ameaza da uniformización. Só precisa perdurar no labor e atopar mans precisas como as das señoritas de Molende para recuperar con plenitude o seu viño máis excelso. Niso andan.

O asunto ten o seu aquel. Trátase de obter un viño naturalmente doce (máis de 300 gr/l de azucre) a través do secado das uvas, nun pendello ben ventilado e baixo vixiante control sanitario, durante, como mínimo, tres meses. Este coidadoso labor comeza coa selección dos mellores cachos e moito tino na recolleita para que non se esmagallen. O sequeiro ha de estar cuberto e á sombra. A fermentación debe ser lenta e á  menor temperatura posíbel.

Uvas no sequeiro

A maduración, en pipos de carballo ou cerdeira, nunca inferior ao medio ano e, cando menos, outros tres meses na botella. A lentitude do proceso e a escasa rendibilidade, non chega a corenta litros por cen quilos de uva pasa, fan del un viño de ocasión, de cerimonia, de agasallo e prestixio, ideal para acompañar doces e falares nestas datas, aínda que sexan minguadas pola ameaza vírica.

As castes empregadas son as propias da DO Ribeiro, brancas ou tintas. Teño entendido que na actual recuperación se emprega moito a treixadura en contraste coa información do padre Eiján que nos indica que para a súa elaboración empregábase “la variedad de vid llamada Verdal (Verdello)”[2].

No século XIX e no primeiro terzo do XX este excelso viño reclamábase, como lle lembraba o administrador dos Quiroga, Ángel Pagán, a Álvaro das Casas, nas mesas da realeza isabelina[3] e, como vemos nas imaxes, naquelas nas que se podía de Europa e América. Ata a popularidade de dona Emilia se empregou como márketing por un comerciante escaso de escrúpulos e sobrado de habilidades perversas.

Sei que nestes días o historiador e amigo Xavier Castro andou a presentar un libro sobre o tostado[4]. Aínda non o puiden ler, pero adiántanme que o grande estudoso da vida cotiá, a alimentación e os viños galegos non dubida en poñer o noso tostado á altura do Tokay húngaro ou do Sauternes da zona de Bordeos. Só falta que produtores e consumidores o creamos e recuperemos este patrimonio cultural e enolóxico do Avieiro, do Ribeiro e de Galicia.

GALERIA DE PRENSA:



[1] Pardo Bazán, E. (1896): “Vendimias” en La ilustración artística, nº 772, p.690, 12/10/1896, en Pardo Bazán, E. (2003): La vida contemporánea. Madrid: Ayuntamiento de Madrid, p.65

[2] Eiján, S. (1920): Ribadavia y sus alrededores. Madrid: Tip. San Bernardo. Ed. Facsímil (1981). Lugo: Alvarellos; n.1, p.596.

[3] Das Casas, Á (1935): “La casa de Banga”, EPG, 12/9/1935

[4] Castro, X: (2020): Tostado. Vino noble de Galicia. Moaña: Acuarela comunicación.

———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.