Disputarase do 16 ao 25 de xullo nas instalacións referente do tenis ourensán, que este ano celebran o seu 50º aniversario
O Club Santo Domingo acollerá, no seu 50º aniversario, a celebración do LXXXII Campionato Galego Absoluto de Tenis “Memorial Antonio Santorio”, que se disputará nestas instalacións deportivas, referente do tenis ourensán. Preto de 400 xogadores –máis de 70 no torneo absoluto e 300 nas categorías Benxamín e Galicia Head Tour- daranse cita do 16 ao 25 de xullo para disputar os partidos no marco deste torneo que repartirá un total de 5.000 euros en premios. As inscricións poden realizarse en Ibertenis.com.
A presentación deste evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense Rosendo Fernández, entidade que colabora co torneo, xunto co Concello de Pereiro de Aguiar e a Xunta de Galicia. Fernández salientou que o “Wimbledon galego terá lugar no territorio ourensán, no Concello de Pereiro de Aguiar, acollendo aos mellores xogadores de Galicia nun torneo que é posible grazas á cooperación interinstitucional”, expresou, agradecendo ao presidente da Federación Galega de Tenis, José Mosquera, “o labor que vén desenvolvendo ao fronte desa entidade”.
Na mesma liña se expresaron o xefe provincial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; a concelleira de Deportes de Pereiro, Mónica Ramos, e o presidente e secretario do Club Santo Domingo, Luis González, e Javier de la Torre, respectivamente, quen coincidiron en destacar a importancia de que este torneo se celebre en Ourense. O presidente do club agradeceu en nome dos socios “a honra de acoller un evento desta relevancia, polo que supón de pulo á nosa escola de tenis que leva máis de 40 anos de funcionamento”. O secretario dixo, ademais, que esta é a sexta ocasión que o Club Santo Domingo é sede do campionato galego, e salientou o feito de que, “aparte do Absoluto, disputaranse os campionatos Benxamín e o do Circuíto Head, contando con centos de participantes”.
O presidente da Federación Galega agradeceu a todas as institucións, Deputación, Xunta e Concello de Pereiro de Aguiar, “que se faga realidade este torneo, “que rematará o día 25 de xullo coa interpretación do Himno galego por parte dun coñecido gaiteiro ourensán”. No ámbito deportivo, Mosquera puxo de relevo a participación dos mellores tenistas de Galicia, entre os que citou a Roberto Rodríguez, de ascendencia ourensá, e destacou os nomes de Carlos García, Diego Blanco, Tono González, David de León, José Antonio García, José Luis González, Rodrigo Pérez, Pablo Mosquera, Xiana García, Ana Nóvoa e a destacada figura do tenis galego, Marta Alastrué, todos eles xogadores ourensáns, salientando tamén na categoría xuvenil a Izán Díaz e Salma del Río.