Francisco Fraga, asina a adhesión de Espazo Común-Recortes Cero-Os Verdes ao manifesto da Plataforma tren digno para Ourense

“Se por nós fose hoxe non se estaría a facer esta obra” afirmou Fraga en referencia a unha estación intermodal que parte a cidade e non axudará ao seu futuro.

O voceiro da Plataforma, Jesús María Pérez agradeceu o apoio da coalición e pediu o compromiso do resto de partidos nesta campaña para defender a Ourense desta aldraxe.

AVANTAR ACTIVIDADES

O candidato ó Parlamento de Galicia por Espazo Común – Recortes Cero – Os Verdes na provincia de Ourense, Francisco Fraga, asinou esta mañá ao pé das obras da Estación no Barrio da Ponte o manifesto da Plataforma Tren Digno para deter a obra que se está a acometer na mesma e que rexeita a meirande parte da cidadanía ourensá.

Fraga Civeira, lembrou que, “o resto de partidos van mudando de opinión ao respecto en función de se gobernan ou non. O compromiso de Espazo Común é con Ourense e non temos ataduras nin que rendir contas a Santiago ou a Madrid como lles pasa ao resto”.

“Se por nós fose, hoxe non se estaría a facer esta obra pero é evidente que esta cidade e os seus habitantes non son unha prioridade para os que teñen o poder de decisión”.

Desde Espazo Común – Recortes Cero – Os Verdes,”Temos moi claro que se chegamos a ter voz no Parlamento Galego, esa voz vai a ser a desta provincia á que nunca se escoita e que queda esquecida en detrimento dos intereses de lugares onde hai máis votos, que está visto que é o que importa para outros. O que están a facer coa Estación de Ourense non se atreveron a facelo coas de Vigo, A Coruña e Santiago”, indicou Francisco Fraga.

Pola súa banda, Jesús María Pérez, voceiro da Plataforma agradeceu a Espazo Común a adhesión ao manifesto e convidou ao resto de forzas políticas a facer o mesmo e a deixar a un lado os intereses de siglas para “loitar por unha estación intermodal mellor xa que está proxectada é un ataque á dignidade de tódolos ourensáns. Non queremos a estación pendello de Feijoo”.

Participou tamén no acto Pastora Fernández, candidata da coalición pola provincia de Pontevedra quen afirmou que “Os recortes asfixian a Ourense e é a nosa obriga paralos dunha vez. O apoio a causas coma as desta Plataforma son as que poden mudar o futuro desta provincia”.