4 Mal Quartet Jazz, con Rochi Novoa e Quico, lembran a Xela Arias no Día das Letras galegas na INSUA DOS POETAS

MUSICANDO VERSOS NA INSUA DOS POETAS

4 Mal Quartet Jazz, con Rochi Novoa e Quico, lembran a Xela Arias no Día das Letras galegas

AVANTAR ACTIVIDADES

O pasado 27 de marzo, Xela Arias, escritora homenaxeada neste 2021, pasou a integrar a nómina de autores e autoras que conforman o universo literario da Insua dos Poetas. Un espazo público destinado á creatividade cultural sito na Esgueva, Madarnás, O Carballiño, no que a natureza dialoga coas artes plásticas coas mellores palabras dos nosos poetas.

Esta iniciativa do escritor porteño ourensán Luís González Tosar ( Buenos Aires, 1952), comezou o 17 de maio de 2009, ano dedicado a Ramón Piñeiro e foise consolidando, como un proxecto singular de defensa do medio ambiente encravado no rural que promove a lingua e a cultura de Galicia.

Nestes trece anos de traballo ininterronpido, teñen sido instalados na fermosa paraxe da Insua dos Poetas, autores das letras galegas de todos os tempos, desde Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, ata Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xosé María Díaz  Castro, Antón Tovar, Carlos Casares, Víctor Campio Pereira e os integrantes da Xeración Nós: Vicente Risco, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Castelao e Ramón Cabanillas.

O próximo luns, 17 de maio, décimo terceiro aniversario da Insua dos Poetas, o talento dos xoves músicos da banda 4 Mal Quartet Jazz e a voz dos poetas Rochi Novoa e Quico, lembrarán a Xela Arias.

Esta actividade, que conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a traves da Rede de Auditorios provinciais, e co apoio do Concello do Carballiño, terá lugar ás 19 hs na Insua dos Poetas ( A Esgueva, Madarnás, O Carballiño).