O BNG súmase as reivindicacións da Asociación de persoas xordas de Ourense

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense amosa o seu apoio a Asociación na súa reivindicación de que nos actos públicos organizados polo Concello, se teña en conta a accesibilidade deste colectivo

Os membros do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, manifestan públicamente o seu apoio ás reivindicacións que veñen de por enriba da mesa desde a Asociación de persoas xordas de Ourense como consecuencia dos actos organizados polo Concello de Ourense o pasado día 25N en conmemoración do dia Internacional para a eliminación da violencia contra as Mulleres.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como ben afirman desde a asociación, a diferenza de anos anteriores, nesta ocasión, non se tivo en conta nin a presenza nin sobre todo a accesibilidade deste colectivo a ditos actos, o que, segundo os nacionalistas, evidencia unha vez máis, as graves carencias e incompetencias do actual goberno municipal.

Desde o BNG tamén queren por de manifesto o seu apoio as reivindicacións de que é preciso que en todos os actos públicos que organice o Concello de Ourense dirixidos á cidadanía, se conte cun intérprete en lingua de signos para facer accesibles ditos actos ás persoas xordas, e deste xeito, non soamente dar cumprimento á lexislación actual, senón tamén garantír os dereitos deste colectivo.

Por iso, desde o Grupo Municipal do BNG no Concello, lembran que hai un ano, concretamente no pleno de novembro de 2019, rexistraban unha moción, na que se reclamaba que se incluira na RPT unha praza de intérprete de signos, e namentras non se aprobara, se contratara un servizo de intérpretes de lingua de signos para atención ao público e cantas xestións foran precisas en relación co colectivo de persoas xordas, garantindo, tamén, a súa presenza nos actos institucionais que organizara o Concello.

Na mesma moción, outros dos acordos que solicitaba o BNG facían referencia a que por parte da Concellería de Política Social se formalizase un convenio coa asociación de persoas xordas de Ourense (APSOU), de modo que dera estabilidade ao colectivo e garantira, entre outras cuestións, a contratación durante todo o ano, e en condicións laborais dignas, de intérpretes de lingua de signos.

 Que o Concello impulsase unha campaña institucional para difundir unha imaxe positiva das linguas de signos, e por tanto das persoas xordas e xordocegas.

Que se garantise a presenza de intérpretes de lingua de signos (ILS) na retransmisión das sesións plenarias. Así como instar ao Goberno do Estado a que solicite incluir a lingua de signos na Carta de Linguas Minoritarias e Rexionais de Europa.

Por último, os nacionalistas pedían que todas as medidas recollidas nesa moción fosen acordadas coas entidades de persoas xordas da cidade, facendo efectiva a participación das mesmas en todo o proceso.

Dita moción foi aprobada por unanimidade, lamentablemente, segundo denuncian desde o BNG, a día de hoxe nada se fixo, e o que aínda é peor, nada está previsto facer. Por iso, insisten os nacionalistas, seguirán traballando e impulsando medidas que garantan a accesibilidade en igualdade de condicións a todos os colectivos da sociedade.