Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

Dise que os de familia son os segredos mellor gardados; incluso máis que os de estado. Mais, ao final, todo se sabe. Referiámonos no anterior “Avieiro” ás sospeitas de José Pardo Bazán de que o seu xenro fose como o Perucho de Los pazos…, un “fillo bravo”, para explicar o maltrato familiar tras a morte do pai e que non se arrepuxera e defendese os seus intereses. Cando menos é o que se desprende dos documentos dados a coñecer polo grupo de investigación “La Tribuna” en 2008[1]. Mais podía acontecer que do que Pepiño estaba farto era da longa experiencia de intrigas hereditarias do seu sogro, ou simplemente aquelas leas non lle aquelaban ben ao seu carácter.

Despois de tirarlle o po ás disputas económicas entre os Pardo e os Quiroga, os investigadores descubríronnos outro deses “aconteceres” dos que non gusta falar, dos que se prefiren agochar, ben premidos contra o fondo da gabeta dos recordos ingratos para que non se lles ocorra emerxer en circunstancia algunha. Neste caso, ben gardado, aferrollado con todos os cadeados que houbese e agochado baixo todos o silencios que se puidese, o segredo estaba na banda dos Pardo Bazán.

Do que non se podía falar na familia de dona Emilia era do asasinato da súa avoa paterna, dona Joaquina Mosquera Ribera. Mais, por que non falar da vítima dun crime? Por que agochalo? Por tratarse dun “mullericidio”, un máis desa praga contra as que as mulleres de hoxe erguen a voz, pero non daquela.. Pero había tamén outras razóns para calar.

O crime aconteceu en Betanzos, en 1848, segundo descubriron os investigadores tirando de dous fíos: unha breve nota de referencia da escasa prensa do momento e unha carta que un dos investigadores atopara, anos antes, nun libreiro de vello[2]. Tiveron que recorrer aos máis diversos arquivos, pois no abondoso e minucioso arquivo dos Pardo Bazán nada había. Como os césares, aplicaran unha eficaz “dannatio memoriae” ata o punto de que en ningunha biografía, agás a actual de Isabel Burdiel[3], se fai referencia ao tráxico final da avoa de dona Emilia.

Dona Joaquina (1805-1848) era filla de don Gonzalo Mosquera Arias e de dona Joaquina Ribera Pardo; ambos da fidalguía vella dende a punta das unllas dos pés ata os últimos pelos da cabeza. El, rendeiro abastado de ideas liberais ata onde se podía e, entre outras moitas cousas, señor da xurisdición de Bentraces, no actual concello de Barbadás, e irmán segundo do III marqués de Aranda e de Guimarei.

Pazo de Bentraces en Barbadás, solar dos Mosquera Arias

Ela, filla única e polo tanto herdeira dos bens vinculados ás casas de Cañás, en Carral, da que xa non quedan restos, ou a de Baldomir, en Guísamo, Bergondo, da que fican as paredes, e algunhas máis.

Casa de Baldomir, Guisamo, (Bergondo) vinculado aos Pardo

Dona Emilia naceu apenas tres anos despois. Aínda que o silencio fose espeso algo tería que ouvir, algo saber, ollar expresións, xestos, arrebatos… dos que nunca nada dixo pero que, seguro, tiveron que influír nos “dicires” da escritora sobre malos tratos ás mulleres, violencia de xénero ou violencia en xeral, así como sobre as tensións, odios, rancores entre as familias por mor das herdanzas ou sobre as paixóns inconvenientes e os amores “fou”.

A avoa de dona Emilia era a segunda de tres fillas. Casou, ou casárona, aos 16 anos con Miguel Pardo Bazán que xa cumprira os 37 e procedía tamén de dous puros sangues fidalgos: os Pardo, con casa principal na granxa de Meirás, e os Bazán de Cambados, residentes no que hoxe é parador de turismo. En ambos os casos con outros moitos bens vinculados.

Miguel Pardo Bazán. Avó paterno de dona Emilia

O avó de Emilia fixera carreira militar e política e coincidiu co seu sogro nun liberalismo coutado para se as tornas se viraban absolutistas. Deputado ausente, nin aparecía, aducindo enfermidades, faleceu en 1939 deixando unha viúva de 39 anos e un fillo de 12, José, o pai de Emilia; os outros catro fillos faleceron antes que o proxenitor.

Dona Joaquina permaneceu na Coruña, vivindo coa nai, titorando o rapaz e administrando os bens e rendas do seu home que formarán parte da herdanza do fillo. Nesta cidade coñeceu o militar retirado Juan Rey Perfume, dez anos máis novo ca ela, de familia de comerciantes coruñeses e nai de orixe italiana, posibelmente Perfumo de inicio. Unha cousa leva a outra e tiveron unha filla, Adelaida Rey Mosquera, nacida en xaneiro de 1947, pero tardaron en casar e cando o fixeron mudáronse a Betanzos.

Ás dúas e media da tarde do 4 de maio de 1948, Juan Rey Perfume degolou a súa muller, cunha navalla barbeira. Ás 10 da noite pegouse un tiro. Deixaba unha longa misiva de suicidio: encetada antes de matar a  muller e rematada horas despois de facelo. Iníciaa referíndose a unha “conspiración infernal” na que a súa muller “es la primera actriz” “ofendida de que la haya obligado a casarse por que la hice una hija”, na trama “ha fraguado la más alta e imponderable calumnia contra mí, unida para ello con su hijo (o pai de dona Emilia), Bermúdez (cuñado da asasinada), Guergué (administrador dos Pardo Bazán), José Portela y su hijo (labradores de Meirás), el procurador Ribas y un clérigo llamado Caldelas”.

José Pardo Mosquera, pai de dona Emilia. Balsa de la Vega; óleo sobre lenzo 35,5X27,5 cm. Casa Museo EPB

Despois de matala continuou a carta “Horror he asesinado a mi mujer y ya no puedo hacerlo con la infame doncella”. Petiscamos algunhas frase da longa carta: “Ahí te queda torpe hijo José Pardo Bazán toda la herencia”, “vivía contento con mi mujer aunque ella era infame como vosotros”, “si ella y vosotros queríais separarme debió ser por una causa política”, “Esta mujer había denotado ya su resistencia a vivir conmigo cuando nos obsequiábamos, la deje luego y después quería casarse para solo separase luego y vivir a su antojo. No, yo o contigo o muerta tu o sino que diga alguno si tuve otra mujer desde casado. Soy el hombre más desgraciado del mundo pero muero justo, convencido de que mi mujer se iba separar de mí y aun vino mintiéndome”, “quiero que a mi mujer y a mí nos entierren juntos y en sagrado”, “cuantas veces dormí tirado en las ruedas porque mi mujer me echaba, cuantas en el sofá, cuantas veces salí desesperado y reñía porque ella me decía [que] no me quería, [que] no tenía posición social”.

A pesar do nerviosismo e da confusión mental que denota o escrito os investigadores puideron demostrar, a través da documentación do proceso, que “la conspiración deseñada por doña Joaquina Mosquera” para vingarse do ex administrador Luís María Guergué e asasinalo existiu e na lea meteu o seu home. Procuramos resumir o máis significativo.

A viúva de Miguel Pardo Bazán vivía coa súa nai na Coruña mentres o seu fillo estudaba Dereito; coñeceu o militar e tiveron unha filla, para evitar o escándalo bautizouna en segredo, pois non tiña intención de casar co pai. Pero alguén o descubriu e o párroco tivo que asentar o bautizo. Tiña unha boa razón dona Joaquina para non casar; como viúva administraba as moitas rendas procedentes de seis administracións que herdara o fillo; de casar, perdería a curadoría e con ela a maior parte dos seus ingresos. Pero de non facelo deixaba desprotexida a súa filla que non podería recibir herdanza máis que pola vía de alimentos, e o pai, Rey Perfume, tiña un soldo ben magro e ela nada herdara do seu pai e a súa nai non fixera aínda as partillas.

 Dende meses antes do parto, Joaquina, coa axuda da nai, iniciou unha serie de movementos para preparar unha herdanza para a futura criatura e protexela no caso, relativamente frecuente, de morrer no parto. Joaquina comezou a reunir un patrimonio a través de cesións definitivas que lle facía a súa nai e a escriturar no notario algunhas últimas vontades que corrixían o testamento no que declaraba o fillo herdeiro universal. Nunha desas modificacións encargaba ao apoderado xeral, Luís Mª Guergué, de que, no caso de falecer, se apoderase da súa casa e todo o que houbese dentro; na outra deixaba a Juan Rey Perfume unha notas, que non se coñecen, para ter en conta a hora de executar o testamento. A descuberta do oculto bautizo e todos estes plans explicarían a mudanza a Betanzos.

De súpeto todo mudou. José Pardo Bazán, temendo que a súa nai puidese allear parte dos seus bens, destituína como titora e nomeou no seu lugar o seu tío José Bermúdez de Castro. Esta negouse a aceptalo e iniciouse un preito, frecuente por outra banda entre a fidalguía da altura, entre nai e fillo. O asunto complicouse cando Bermúdez de Castro denunciou a súa sogra por allear bens, que entrarían nas partillas da súa muller, a favor de Joaquina Mosquera. A coincidencia temporal indica que ambos os preitos teñen relación e dos dous é protagonista o administrador Guergué, que debeu ser quen descubriu o nacemento da cativa. Isto explica que Joaquina Mosquera lle retirase os poderes e, ante a resistencia deste, denunciouno para que lle entregase as chaves e lle devolvese o arquivo da familia que retirara da granxa de Meirás, en evidente acordo con Pardo Bazán e Bermúdez de Castro que viñan de nomealo administrador de ambos.

Ante a imposibilidade de gañarlle o preito ao fillo, Joaquina decidiu casar. A zuna debeu chegar ata o extremo de tramar o asasinato do traizoeiro administrador, e alentar as fortes tensións de Rey Perfume co administrador Guergué, co seu fillastro Pardo Bazán, co titor deste, Bermúdez de Castro e con ela mesmo. O matrimonio, tras a perda da titoría, seguiu vivindo en Betanzos ata que ocorreu a traxedia. Guergué encargouse de inventariar os bens da vivenda e preparar o enterro da parella.

Pardo Bazán non tardaría en denunciar a Guergué polas contas que lle presentou, preito que tardou meses e rematou cun acordo. Tiña, pois, o pai de dona Emilia ampla experiencia nestas lides. Anos máis tarde volveraas poñer en practica cando se trate do reparto de bens e rendas dos irmáns Quiroga, tras a morte do pai, mesmo ata o punto de insinuar que José Quiroga ou ben non fose fillo de don Pedro Quiroga ou ben non o fose de dona Mariquiña. Como sabemos, estas tensión intrafamiliares estarían na base da posterior separación do matrimonio Quiroga- Pardo Bazán.


[1] “Aportaciones a la biografía de Emilia Pardo Bazán. La crisis matrimonial (1875-1884)” en La Tribuna. Cadernos de estudos da casa-museo EPB, nº 6, 2008 A Coruña RAG/Casa Museo EPB, p.71-127

[2] O grupo de investigación está formado por Xosé Ramón Barreiro Fernández, que atopou a carta, Ricardo Axeitos, que reparou na nota de prensa, Patricia Carballal Miñán e Jacobo Manuel Caridad Martínez. A investigación publicouse en en La Tribuna. Cadernos de estudos da casa-museo EPB, nº 8, 2011. A Coruña RAG/Casa Museo EPB, p.15-56 baixo o título “La trágica muerte de Joaquina Mosquera Ribera, abuela de Doña Emilia. Un familiar secreto desvelado”

[3] Burdiel, I. (2019): Emilia Pardo Bazán. Madrid:Taurus


———————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?