Polo Avieiro de dona Emilia (32) : Calviño e a Bazán (1).

IES CHAMOSO LAMAS

Carlos Méixome Quinteiro historiador e escritor galego

No noso anterior Avieiro recolliamos as palabras de Luís Pereira Valeira; o edil carballiñés advertía que a homenaxe vilamortá era obra de José María Calviño, “infatigable peón de la Condesa”. Non mentía o alcalde. Nunha carta, asinada no Carballiño (20/8/1956), Calviño cóntalle os pormenores do seu plan a “Ben Cho S´hey”, escrito así polo pardobazanista que tamén se refire ao ourensán  como  Ramón Fernández O´Shea[1]. Di Calviño: “Pro 16 que ven penso, Dios mediante, sacar un numero extraordinario na “Noite”, todo il dedicado a Pardo Bazán, o Carballiño e coase o Riveiro, pois coido unha vergonza de que tanto o Carballiño -Vilamorta pra Dª. Emilia-, como en todo o Riveiro de Avia, non se teña para esta rexia muller e xenial novelista, unha pequena demostración de gratitude e lembranza”[2].

HIPER MASIDE

A misiva deriva en especulacións sobre se foi nestes lugares –Banga e o Carballiño- onde dona Emilia escribiu a triloxía do Avieiro. Estas elucubracións danse tamén coa casa dezá de Quintela, en Catasós. As tres obras redactounas e publicounas dona Emilia unha vez consumada a separación de Pepe Quiroga, polo tanto despois de poñer fin ás visitas ás terras do Avieiro e cun certo aquel de vinganza coa familia ribeirá e dezá, prototipo, para ela, dunha fidalguía ancorada no pasado.

El cisne estaba rematado en setembro de 1984, e o famoso protocolo de separación matrimonial, que despois non quixo ratificar o seu home, asinouse en maio. Los pazos… e a súa segunda parte, La madre naturaleza, ideounos dona Emilia durante a longa viaxe parisiense que, para escándalo da sociedade benpensante coruñesa, realizou, en solitario, a finais dese mesmo ano. Nada disto empece a evidencia de que tanto os espazos nos que se desenvolven as tres novelas sexa un territorio difuso que poderíamos denominar Avieiro como que, no caso de El cisne, a súa localización física concreta sexa o Carballiño.

Quéixase Calviño da ignorancia que hai arredor de dona Emilia en contraste co moito que dela saben “forasteiros e extranxeiros” e sinala que un profesor novo chegado a Compostela puxo Los pazos... de lectura no “segundo curso de “letras””, cousa que non faría ningún ““besugo” dos nosos engolados profesores -que todos mexan auga bendita”. Refírese a seguir a uns seus artigos en La noche que “tiveron a virtude de que o Axuntamento do Carballiño lle de o nome dunha praza a Condesa. Eu quixera máis; eu quixera que na casona de Vilamorta -casa emprazada no millor do Carballiño- que é onde esta escribiu a novela, se puxese unha praca que a lembrase, e outra en Banga, pazo do seu marido, se colocase outra, pois alí escribiu as outras dúas maravillas do seu xenio, e que, co pazo de Cabanelas, dun curman dela, son os famosos “Pazos de Ulloa”.[3] Pídelle a Ben Cho Shey unha colaboración, pero advírtelle: “o tema ha de ser en col d´ela; outra cousa, nada”. Fernández Oxea non lle enviou ningunha. Quen si o fixo foi o amigo común Ramón Otero Pedrayo, “Ramonciño”, segundo o afectuosos apelativo empregado por Calviño.

Otero achégalle un traballo sobre os tres momentos de fulgor pardobazaniano en Ourense. A comezar por unha simple referencia á participación da escritora, en 1900, como mantedora dos xogos florais da cidade, cun “inesperado, severo y doctrinario discurso político”. Despois detense noutros dous, relacionados ambos co Padre Benito Feixoo. O primeiro alto no repaso oteriano á presenza ourensá de dona Emilia é por mor da disputa dos 4.000 reais que outorgaban como premio a un estudo crítico da obra do benedictino; era 1876, concorreron a “discutida esperanza entre la poesía y la prosa” da Bazán, a “severidad conceptual” da Concepción Arenal e a “esperanza de historiador” Miguel Morayta. Este último retirouse, ante a evidencia de que a pelexa ficaba entre as dúas galegas[4].

Otero afirma que na disputa batéronse “dos conceptos de Europa y de la cultura, se enfrentaron en la constante guerra civil las dos Españas”. Foi unha confrontación, di don Ramón, entre dúas mulleres e dúas ideas; a católica e tradicionalista da Bazán e a liberal e progresista da Arenal. A agarrada tívoa que resolver a Universidade de Oviedo, tras o empate irresolúbel do xurado ourensán, e rematou coa vitoria “aos puntos” da coruñesa. Non concederon os 4.000 reais pero si o accésit á Bazán, o que supoñía a publicación da obra dunha noviña Emilia, tan nova que, reflexiona Otero: “A los 24 años no suele conocer la amargura la mujer nacida en alta cuna y envuelta en miradas de benéficas hadas. Tal vez toda la enorme y clara aventura literaria de la autora de Los Pazos de Ulloa se resienta de la inexperiencia del dolor”. Daquela dona Emilia gañou tamén a rosa de ouro do certame poético, que durante anos gustou de lucir no seu busto, con, en opinión de don Ramón, “una oda quintanesca estimable como ejercicio de retórica mas que de poesía”.

Once anos despois, no día do seu aniversario, o 16 de setembro de 1887, dona Emilia falou no teatro da rúa da Paz, tres anos despois de que no número 21 da mesma rúa nacera Vicente Risco e un ano antes de que o fixera o propio Otero, con motivo dos actos en torno a inauguración do monumento ao Padre Feijoo convertida xa “en una grande, viva y discutida figura”, di Otero.

Acto de inauguración do monumento ao padre Feijoo. Ourense, 1887.

“Ei procurar que o número saia o millor que se poida” dille Calviño a Ben Cho Shey, e coméntalle que lle consta “que moitos farsantes se han faguer cruces ante a pretensión de honrar a este xenio sin pare, único no seu sexo e estilo. Eiqui sabemos moitas cousas e historias, hasta de xudeos… pero nada sabemos do noso. Os “chanchos” que nos veñen d´America pra lucir a sua vanidade, os seus cartos e a sua ignorancia, somentes corren cara o recordo da nosa Santa Rosalía e Curros, que teño a certeza absoluta, de que nada leeron d´eles, mais que as vulgaridades faciles de dixerir. Ademais, mais que honrados, se han sentir ofendidos de tanta estupidez”

Praza e estatua do P. Feijoo. Ourense

Con certeza Calviño fixo in bo traballo ao xuntar a Azorín, Saínz de Robles e a Otero na paxinas de La noche que completou cun escrito do secretario da Academia de San Fernando, José Francés, critico de arte e seguramente coñecido de Calviño por estar ambos nalgún momento relacionados co servizo postal.


[1]Así era coñecido Xosé Ramón Fernández-Oxea (1896-1988), escritor, mestre e investigador, pseudónimo que adoptou para enviar as súas crónicas da guerra de África, nas que amosaba simpatía pola causa rifeña. De basta obra: dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria; colaborador nas máis diversas publicacións e membro activo das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Sancionado despois da sublevación militar. Inspector de primaria en Lugo e despois en Madrid, onde actuou como embaixador e protector do galeguismo na capital do estado. Ver Ermida Meilán, X. R. (5/4/2011). “O bo de Ben-Cho-Shey”. Terra e Tempo. Agradecémoslle a Ermida que nos facilitase a consulta das cartas de Calviño, gardadas no fondo Ben Cho Shey do Arquivo da Deputación de Ourense.

[2] A carta de Calviño reproducímola sen ningunha corrección.

[3] A idea calviñista da placa na casa carballiñesa dos Quiroga satisfíxose, en setembro de 2017, sesenta anos despois. A casa de Banga está convertida nun cortello de porcos. A de Cabanelas non era de ningún curmán de dona Emilia, senón do seu cuñado Eduardo.

[4] Sobre toda a lea do premio sobre a obra do P. Feijoo pode consultarse Barreiro Fernández, X. R. (2003): “O Estudio Crítico das obras do P. Feijoo de Pardo Bazán, Concepción Arenal e Miguel Morayta. O certame de Ourense de 1876” en La Tribuna. Cadernos da Casa-Museo de EPB nº 1. A Coruña: Casa-Museo de EPB.


—————————————————————————————————

Traxectoria de Carlos Méixome

Carlos Méixome Quinteiro (Val, Lalín). Estudou Filosofía e Ciencias da Educación en Compostela e exerceu como profesor de Xeografía e Historia ata a súa xubilación. Militante nacionalista dende novo e activista cultural; dirixiu durante anos o Instituto de Estudos Miñoráns. Ten publicados traballos sobre asuntos internacionais e historia contemporánea de Galicia e investigado sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra. Colabora en diversos medios de prensa impresa e dixital. Reside dende hai anos en Gondomar, pero criouse e medrou no Carballiño onde reside a súa familia.


Outros artigos de Carlos Meixome:

Polo Avieiro de dona Emilia ( 1 ) : “Os nomes do Avieiro de dona Emilia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 2 ) : “E ti de onde es?. Un pouco de egohistoria “

Polo Avieiro de dona Emilia ( 3 ) : O balneario. Outro anaco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia ( 4 ) : Unha breve cata na historia do balneario. Camiño da privatización

Polo Avieiro de dona Emilia ( 5 ) : A poxa. Outra breve cata na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia ( 6 ) : Arde a casa do alcalde e inaugúrase o novo edificio. Terceira breve cata na historia do balneario.

Polo Avieiro de dona Emilia (7) : As expectativas incumpridas. Cata final na historia do balneario

Polo Avieiro de dona Emilia (8) : Outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (9) : Un enterro de liñaxe

Polo Avieiro de dona Emilia (10) : “Deme auxilio Buela que me quedo sin sangre”

Polo Avieiro de dona Emilia (11) : O “Palacio de los Recuerdos”

Polo Avieiro de dona Emilia (12): ” Entre señor e faraón “

Polo Avieiro de dona Emilia (13): ” A véspera “

Polo Avieiro de dona Emilia (14): ” A feira “

Polo Avieiro de dona Emilia (15): Os fogos

Polo Avieiro de dona Emilia (16): Dinamita en Cabanelas

Polo Avieiro de dona Emilia (17): O día grande

Polo Avieiro de dona Emilia (18): E o Cisne, de que vai?.

Polo Avieiro de dona Emilia ( 19 ) : “Nieves e Leocadia”

Polo Avieiro de dona Emilia ( 20 ) : Flores e Gaspara

Polo Avieiro de dona Emilia, (21): Eco e Narciso.

Polo Avieiro de dona Emilia, (22): O miradoiro.

Polo Avieiro de dona Emilia, (23): Pragas

Polo Avieiro de dona Emilia (24): Matute, a outra praga do Ribeiro

Polo Avieiro de dona Emilia (25): Vendimas.

Polo Avieiro de dona Emilia (26): Tostado.

Polo Avieiro de dona Emilia (27) : Dona Mariquiña

Polo Avieiro de dona Emilia (28) : Un segredo de familia?

Polo Avieiro de dona Emilia (29) : Outro segredo de familia

Polo Avieiro de dona Emilia (30) : Curros en El cisne e outro retrinco de egohistoria

Polo Avieiro de dona Emilia (31) : Vilamorta recoñece á Pardo Bazán.