A concellería de Medio Rural, que dirixe Rosa Fuentes, rematou o acondicionamento e limpeza do Camiño Miñoto ao seu paso polo termo municipal do Carballiño, que é prácticamente coincidente co Camiño dos Arrieiros. Por este motivo, o concello ten previsto programar, en colaboración co Centro de Estudios Chamoso Lamas, unha ruta guiada, que se anunciará próximamente.

O obxectivo é a posta en valor deste percorrido que ten un gran interese cultural, natural e histórico, e sobre todo de cara ao próximo ano Xacobeo 2021, no que se espera que o Camiño Miñoto sexa declarado de interese cultural, como paso previo para a consecución da súa inclusión como Camiño Xacobeo.

Asimesmo, esta concellería procederá á reposición e nova sinalización do camiño, para o cal xa están encargados aos paneis correspondentes.

Este roteiro forma parte dun dos numerosos trazados empregados dende a Idade Media polos peregrinos portugueses, especialmente do norte dese país, que acudían a Compostela. Polo que atinxe ó Concello do Carballiño, esta vía penetraba polo Ribeiro para chegar ata San Clodio, punto importante de relixiosidade, e seguir polos lugares da Esperela e Cubilledo, seguindo ata preto da igrexa parroquial de Gomariz, edificación do século XII e da granxa de Gomariz, a máis importante adega medieval de Galicia que conta con decoración románica e que xa aparece mencionada na documentación do século XII.

A partir de aquí, entrados no Carballiño, o camiño diríxese ata a aldea de Fonte Antiga, onde atopamos un lugar denominado O Mesón, punto este que faría referencia a unha edificación destinada a parada para acougo de arrieiros do viño. Este tramo coincide coa actual Ruta dos Arrieiros. Seguindo dende a aldea de Fonte Antiga, cruzamos un pontillón de formigón feito hai anos onde había outro de pedra que se derrubou por causa dunha chea do regato do Barón, seguimos polo camiño entre vellos socalcos das viñas chegando ata á aldea hoxe abandonada do Barón Pequeno, onde localizamos unha adega histórica que segundo a documentación pertencía ó mosteiro de Acibeiro e que na porta de entrada ten esculpida unha cuncha de vieira – asociada ós camiños xacobeos-, posiblemente do século XV.

Ascende o camiño entre máis socalcos de viñas hoxe en desuso, chegamos ata o cruceiro de Viñoa, e dende alí seguimos por outro que decorre moi preto da igrexa parroquial de Santa Baia de Banga, exemplar que acolle no seu interior as imaxes en pedra que representan a figura de tres Santiago Peregrino, un deles coroando o arco de acceso á capela na que se atopa enterrado un membro da familia dos Sarmiento. O roteiro prosegue por un fermoso camiño de terra ata chegar á aldea de Cima de Vila, cunha adega histórica en perfecto estado, que ten á súa beira un novo camiño descendente que vai entre muros e, en parte, enlousado ata chegar á aldea e praza de Quintela, lugar onde se localizan varias adegas históricas pertencentes a varios mosteiros e á Orde do Santo Sepulcro –a máis espectacular-, ademais de tres antigas construcións con vieiras nas portas de acceso e nas fachadas no lugar de Belvís e Cabo de Vila, moi semellantes á que atopamos no Barón Pequeno.

O camiño, segue en descenso, deixando a parroquia entre fermosos e monumentais muros empedrado que decorre entre socalcos de viñas hoxe abandonadas, para chegar ata á Ponte do Santo Sepulcro, xa en Pazos de Arenteiro, de orixe medieval. Esta ponte ten esculpida na clave do arco central a figura dun camiñante, que ben podería ser a figura dun cabaleiro da Orde do Santo Sepulcro, que nos conduce ó enclave de Pazos de Arenteiro, xa en Boborás, a onde chegamos por camiño empedrado.