Esta pasada fin de semana, a dirección do centro educativo CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo do Carballiño, no eidificio da Uceira, tiña coñecemento do positivo en coronavirus dun rapaz de 5º curso de Primaria. Unha vez comunicaron o sucedido ás autoridades competentes, Sanidade puxo en marcha o protocolo pertinente.

Na xornada do domingo, as familias dos contactos deste positivo que tiñan que gardar cuarentena foron avisadas e informadas do protocolo a seguir. Neste momento hai máis de 50 alumnos na súa casa. O protocolo establece que deben estar en aillamento domiciliario todos os alumnos sentados dentro da aula a dous metros á redonda do rapaz, a mesa ó completo do comedor e o grupo burbulla co que sae ó patio. Por est emotivo, dende o centro informan de que non hai ningunha aula ó completo en cuarentena. Tamén os profesores que tiveron contacto con este caso positivo están xa en aillamento. O alumnado que non recibiu unha chamada do Sergas pode acudir con normalidade ó centro.

Ademáis, a liña 13 do transporte escolar queda interrompida. O protocolo estipula que se deben asignar postos fixos a cada alumno. Nese caso, só sería necesario illar ós ocupantes das dúas filas dianteiras e traseiras ó posto onde se ubica o caso positivo. Neste caso non se fixo así, polo que todos os alumnos que utilizan esta liña, o que afecta a un total de 41 alumnos.

Dende o centro están tomando todas as medidas que estipula o protocolo. O seu directo fala de incertidume por non verse nunca nunha situación semellante e trata de infundir calma ás familias.