O BNG denuncia que a base de helicópteros de extinción do Xurés leva fechada desde xullo

  • Os helicópteros máis próximos fican nas bases de Verín e Queimadelos (Pontevedra), co que o tempo de resposta a un aviso de lume no Parque multiplicouse por catro.
  • A Xunta e o Concello de Muíños deitan a responsabilidade sobre Inaer, que xestiona o dispositivo das aeronaves, e négase a pagar aos comuneiros de Porqueirós, propietarios dos terreos onde se asenta a base

O dispositivo de extinción de incendios do Distrito XV perdeu este ano un dos recursos fundamentais na loita contra os incendios na Baixa Limia porque a base de helicópteros do Xurés, en Porqueirós (Muíños) permanece fechada e estivo fóra de servizo desde xullo, malia que o PLADIGA 2020 a inclúe no mapa de bases.

A base, que se inaugurou en 1998, contaba cun helicóptero que garantía a intervención en menos de cinco minutos desde o aviso en calquera punto do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, seundo o PLADIGA. Ademais, a base servía como punto de carga de combustíbel dos helicópteros que participaban en labores de extinción nos incendios do suroeste da provincia de Ourense. Sen esta base operativa, o aparato asinado foi trasladado á base de Queimadelos, en Pontevedra, o tempo mínimo de resposta demorouse por riba dos 20 minutos (é dicir, multiplicouse por catro, segundo recoñeceu a propia Xunta).

AVANTAR ACTIVIDADES

A pasada fin de semana, o Parque sufriu o maior sinistro deste ano, cun lume que asolou 2.000 hectáreas na parroquia de Río Caldo e non se controlou até onte; esta mesma semana houbo lumes na zona de Requiás, onde xa se rexistraron máis dunha ducia no que vai de verán, e Prado, con 150 hectáreas arrasadas nos cumios de Fontefría.

O helicóptero do Xurés e a base foi clausurada polo comuneiros de Porqueirós o 13 de xullo, despois de que fracasaran as negociacións entre os veciños e as empresas Inaer e Babcock MCS, encargadas da xestión da base destinada “a helisuperficie, aloxamento e repostaxe das aeronaves”, segundo figura no contrato de cesión dos terreos de monte comunal e que se asinou por un período de vinte anos sen custe algún para as empresas. O contrato expirou no 2017.

Os comuneiros intentan desde hai dous anos que as empresas ofrezan unha contrapartida económica polo uso dos terreos e como compensación das molestias ocasionadas á veciñanza polo tráfico continuo de aeronaves e polo risco que supón o almacenamento de queroseno na parcela, a escasos quilómetros por riba da aldea.

Nin a Xunta de Galiza nin o Concello de Muíños, segundo indican os comuneiros, foron quen de facer entrar en razón ás empresas e limitáronse a recibir as queixas da veciñanza. Despois de dous anos, a comezos da campaña de verán, veciñas e veciños de Porqueiros reuníronse diante da base nun último intento de negociar coas empresas. Non obtiveron resposta e decidiron fechar a entrada onde colgaron un aviso ás empresas no que se le: “No caso de non resultar do seus interese as instalacións, se comunique a esta comunidade veciñal para facer uso propio e ocupación dos terreos”. Iso foi o 13 de xullo. Nesa altura, a Consellería de Medio Rural informaba en prensa de que a atención aos incendios no Parque estaba “plenamente” cuberta, cunha “capacidade media de resposta de 20 minutos” (La Región, 07.07.2020).

O BNG de Muíños puido comprobar este mesmo xoves, día 17 de setembro, que a base segue fechada e fóra de servizo, mentres a uns dez quilómetros no alto do Parque era visíbeis as lapas do lume en Fontefría.