A Xunta dota as Residencias e Centros de Día de novas medidas para que poidan seguir abertos aínda que estean en concellos con restricións por mor da covid-19

  • Tanto uns coma outros centros terán que establecer grupos de convivencia estables dun máximo de 10 usuarios
  • Establécense tres niveis de risco con diferentes medidas en función da aparición e control dun gromo

A Xunta de Galicia dota os centros de día e residenciais de novos protocolos de prevención con medidas específicas aprobadas polo comité clínico, que entran en vigor mañá, venres 18 de setembro. O obxectivo é manter de maneira segura a actividade nos centros de atención diúrna e as visitas de familiares nas residencias, aínda que estas instalacións estean emprazadas en municipios ou zonas xeográficas con restricións por mor da covid-19.

Coas novas medidas procúrase que os centros de día e ocupacionais poidan seguir funcionando coa maior normalidade posible e que as residencias continúen abertas a visitas. Para iso, tanto os centros de atención diúrna como os residenciais terán que establecer grupos de convivencia estables dun máximo de 10 usuarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, establécense tres niveis de risco con diferentes medidas en función da aparición e control dun gromo. Estes niveis diferéncianse en baixo, medio ou alto, cada un deles con medidas que se graduarán en función da situación epidemiolóxica.

Niveis de risco nos centros de atención diúrna

Nos centros de día para persoas maiores cun risco baixo recoméndase non realizar actividades grupais, agás os grupos estables de convivencia de 10 persoas. Cun risco medio, só poderán realizar actividades grupais os grupos de convivencia. Cando o risco é alto estes grupos reduciranse a 5 persoas.

Nos centros para persoas con discapacidade mantense a recomendación de non realizar actividades grupais, excepto os grupos de convivencia, cando o nivel de risco é medio. Co risco alto evitarase a asistencia ao centro de persoas de máis de 65 anos. Os centros ocupacionais adoptan as mesmas medidas, a excepción de que co risco alto a franxa de idade elévase ata os 75 anos a limitación de asistencia.

Flexibilízanse as visitas nas residencias

En canto aos centros residenciais, flexibilízanse as visitas e saídas aínda que o número de visitantes e a frecuencia varía segundo o nivel de risco. Deste xeito, con risco baixo permitiranse visitas de tres ou máis persoas de referencia unha vez ao día, tamén se permitirá as saídas ao exterior do recinto unha vez ao día e poderá acudir persoal externo para levar a cabo as actividades dentro do centro.

Cun nivel de risco medio, serán dúas as persoas de referencia e as visitas se espacian a dúas por semana. Así mesmo, as saídas ao exterior do recinto poderán ser tres veces por semanas e poderá acceder ás instalación a metade do persoal externo habilitado para actividades.

Por último, nunha situación de nivel de risco alto, soamente poderá acceder ao centro para visitas unha persoa de referencia, unha vez á semana. Evitaranse ás saídas ao exterior, agás consultas médicas, e non se permitirá acceso ao persoal externo.

En todos os niveis de risco, o persoal e usuarios do centro realizarán unha avaliación e rexistro diario de síntomas e, sempre que sexa posible, porase especial atención na ventilación dos espazos pechados con aire ambiental durante polo menos 15 minutos cada dúas horas.

Organización das visitas

Para realizar as visitas deberá solicitarse cita previa, co fin de poder organizalas e evitar aglomeracións. Os visitantes deberán estar na residencia con 15 minutos de antelación á hora establecida e realizaráselles unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar as distancias e usar máscaras en todo momento.

Se é posible, a visita desenvolverase nun lugar aberto axardinado e, cando non exista esa posibilidade, habilitarase unha sala específica cerca do acceso, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída. Só se realizarán visitas na habitación no caso de persoas residentes encamadas ou na fase final da vida.

No caso de que a residencia de maiores non conte con xardíns ou espazos ao aire libre, permitirase realizar paseos en zonas amplas e espazos verdes ao aire libre nunha distancia dun quilómetro ao redor do centro, mantendo sempre as medidas de distanciamento e utilizando a máscara.

Nesta liña, o protocolo recolle que as persoas con discapacidade que realizan habitualmente saídas de fin de semana ao domicilio familiar poidan seguir facéndoo e que se lles realizará un test cando volvan ao centro.