O Psdeg-Psoe de Ribadavia impulsa a recuperación do entorno da capela de San Xés en Francelos

O Psdeg-Psoe de Ribadavia impulsa a recuperación do entorno da capela de San Xés en Francelos que denuncian que se atopaba nunha situación de “total abandono”

Os socialistas acadaron o apoio unánime do pleno municipal para incluír no plan provincial como “obra principal” a reforma da igrexa e da súa contorna cun investimento de 48.000 euros  

AVANTAR ACTIVIDADES

A concelleira socialista, Noelia Rodríguez, apunta que “non pode ser que un punto turístico e cultural se atope totalmente abandonado” e sinala que “a veciñanza e os turistas reclaman unha reforma”

 O PSdeG-PSOE de Ribadavia leva tempo denunciando a situación de “total abandono”, que vive o entorno de patrimonio histórico e arquitectónico da Capela de San Xes, en Francelos. Os socialistas acadaron o apoio unánime do pleno municipal do Concello para recuperar o proxecto da igrexa e a súa contorna, gracias a unha moción na que solicitaban incluír no plan provincial de recuperación de obras e servizos municipais como “obra principal” esta reforma cun investimento de 48.000 euros e dar o traslado pertinente a Deputación de Ourense. O Grupo Municipal Socialista aposta, deste xeito por “blindar o noso patrimonio e mantelo nas mellores condicións de conservación”.

Pequena pero moi notable capela a de San Xes de Francelos, é visita obrigada para os turistas que percorren o concello de Ribadavia e que nos últimos tempos detectan serias deficiencias tanto na contorna coma no interior. Dende o PSdeG de Ribadavia lembran que o 10 de marzo xa lle fixeron chegar a situación o grupo de goberno, o cal lle trasladaban que “son moitas as queixas e lamentos pola desidia e o abandono desta igrexa de gran valor patrimonial e interese”. Ante a falta de movemento e de traballo para pór solución ao estado da igrexa de San Xés por parte do Partido Popular, os socialistas decidiron ir máis aló para “tratar de acadar unha solución que acondicione esta xoia arquitectónica, histórica e artística do noso municipio”, explica a concelleira socialista Noelia Rodríguez, que tamén apunta “non pode ser que un punto turístico e cultural se atope totalmente abandonado” e sinala que “a veciñanza e os turistas reclaman unha reforma deste entorno patrimonial”.

O 19 de outubro de 2018, co PSdeG-PSOE ao fronte do Concello de Ribadavia, aprobouse en xunta de goberno local o acondicionamento da igrexa de San Xés, e da rúa Aldea, en Francelos, nunha obra de reserva nos plans provinciais da Deputación de Ourense para a anualidade de 2018. O obxectivo, explican os socialistas, era “preservar e conservar esta obra prerrománica do S.VII-IX”, motivo polo cal, os técnicos do servicio de urbanismo de Ribadavia elaboraban o proxecto para obter os permisos pertinentes de Patrimonio e executar a obra no ano 2019. “Foi un compromiso do PSdeG con San Xés, con Francelos e con Ribadavia e contaba cun orzamento de 48.000 euros”, explica a concelleira socialista Rodríguez Travieso.

A realidade a día de hoxe é que o devandito proxecto de recuperación tan importante para o patrimonio e o turismo foi retirado dos plans provinciais polo goberno municipal do Partido Popular. A concelleira socialista considera que esta decisión “é unha mostra máis de que en ano e medio o grupo de goberno do PP esqueceuse por completo de San Xés e tamén de Francelos, onde o podemos comprobar co ir e vir das beirarrúas”.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en Ribadavia esixiulle o alcalde que se incluíra a obra nos plans provinciais, acadando o compromiso do plenario para a realización do plan director e que se inclúa no plan provincial de 2021. “Estamos descontentos porque se demorara a recuperación desta zona, pero agardamos que ante a insistencia, o alcalde e o seu grupo se poñan a traballar dunha vez e recuperen a igrexa e toda a súa contorna”, finaliza Noelia Rodríguez.

A capela de San Xes de Francelos é unha xoia da arte do prerrománico que se conserva en Ribadavia, nunha estrutura que mestura diferentes artes da época como son o romano, o visigótico ou o mozárabe” e que data entre o século sétimo e o noveno. É considerado como un monumento histórico-artístico que en 1951 foi declarado Monumento Nacional e en 1985 Ben de Interese Cultural. Consta dunha construción única dentro da arquitectura prerrománica, na que destaca a súa fachada con elementos como o arco de ferradura de influencia visigoda sobre a porta de entrada.