O’Potiños apraza o taller de fotografía de Gervasio Sánchez para 2021

A Asociación Fotográfica O’Potiños toma a decisión de aprazar para o 2021 o taller de fotografía de Gervasio Sánchez, previsto para os días 16, 17 e 18 de outubro, ante as dificultades para compaxinar as medidas de prevención e seguridade polo coronavirus, así como pola inscrición de participantes, que non resulta idónea para un obradoiro deste nivel.

Por este motivo, tamén se suspende a charla que ía a impartir na Casa da Cultura o 16 de outubro sobre o tema “Los ojos de la guerra”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gervasio Sánchez considera axeitada esta decisión e comprométese para impartir o taller de fotografía na edición do Arenteiro Fotográfico do próximo ano, co mesmo título “La dignidad es lo que importa”, se as condicións sanitarias o permiten.

Pese a este contratempo, debido á situación de pandemia que se está a vivir, o resto do programa do Arenteiro Fotográfico 2020 mantense na súa totalidade, coas 14 exposicións anunciadas e o acto inaugural, que terá lugar o domingo, 11 de outubro, ás 19,00 h., no auditorio municipal, con aforo limitado e medidas de seguridade.

Neste acto, ademais da presentación do programa con proxeccións das diferentes mostras, renderase unha homenaxe ao fotoxornalista carballiñés Moncho Fuentes, e tamén se levará a cabo a apertura da súa exposición con fotografías das xentes do Carballiño.