O BNG vota en contra das contas da Mancomunidade Terra de Celanova polas irregularidades que advirte a intervención

Publicidade ASPADISI

 As nacionalistas preguntan pola incidencia da covid19 entre as traballadoras de atención a domicilio e o presidente responde que non lle constan casos e que as sospeitas “mandámolas para a casa”.

O goberno popular da entidade supramunicipal négase a atender o acordo unánime da corporación de Celanova para que se destinen axudas directas a dependentes con menos recursos.

HIPER MASIDE

Os portavoces nacionalistas no pleno da Mancomunidade Terra de Celanova votaron este martes contra a aprobación da Conta Xeral de 2019 da entidade atendendo ás irregularidades sobre as que advirte a intervención no seu informe.

Leopoldo Rodríguez e Jorge Losada, representantes do BNG, foron os únicos que se opuxeron ás contas sinalando que “os reparos da intervención preocúpanos, xa que se recoñece que hai gastos e ingresos que están fóra do seu control ou mesmo que hai contas que resultan incongruentes”.

Irregularidades no control. No informe, o interventor avisa de que a “inexistencia de inventario municipal xurídico vinculado coa contabilidade” impide “realizar unha valoración fiable de bens (…) que fagan posible unha correcta contabilidade patrimonial”. Tamén sinala “contas coa natureza cambiada” que imposibilitan “coñecer un resultado patrimonial exacto”. E chama a atención sobre “un ente fundacional do que a Mancomunidade é promotor pero que se rexe polas normas fundacionais da Xunta e que está fóra do control de gastos e ingresos (…) [control que] se realiza a través de persoal propio e contabilidade externa”.

Deficiencias nos procedementos. O informe vai máis alá e despois de constatar que no exercicio 2019 a Mancomunidade traballou mediante “proxectos de gastos con financiamento afectado, dado que a maioría dos servizos dependen da subvención finalista da Xunta”, recomenda que se establezan “mecanismos de contratación pública desde a súa perspectiva formal, pois aínda que se solicitan varios presupostos nas compras, non se materializan nun expediente”, e anota que este proceder “así como outros administrativos” estase a corrixir “dada a escasa formación en materia administrativa dos traballadores.

O interventor sinala a falta dunha RPT e anima a acordar un convenio colectivo. Tamén indica o interventor que se está a incumprir a consolidación do persoal laboral “con abuso de persoal indefinido non fixo, debéndose regularizar dita situación mediante probas pertinentes, e co fin de conseguir un trato igualitario na asignación de soldos”, recomendando ademais realizar a RPT (relación de postos de traballo) propiciando tamén “a aprobación dun convenio colectivo propio.

Malia os reparos técnico e administrativos, os grupos do PP, Celanova Decide e PSOE consentiron na aprobación da Conta Xeral do organismo que preside o alcalde de Quintela de Leirado, J. A. Pérez Cortés.

Cortés négase a atender unha petición da corporación de Celanova

Foi o concelleiro do BNG en Celanova, Leopoldo Rodríguez, quen presentou no pleno deste martes o acordo unánime da corporación municipal do Concello de Celanova a semana anterior polo que se reclamaba da Mancomunidade que destinase parte do gasto en servizos sociais a sufragar axudas directas a aqueles maiores da nosa comarca que asistindo a un centro de día privado e non tendo uns ingresos elevados non conten con outro tipo de axudas públicas. Pérez Cortés negouse a atender esta demanda de Celanova [concello que achega anualmente 150.000 euros a soster os servizos sociais da Mancomunidade, como parte dunha subvención global de 600.000 euros] malia que o grupo do Partido Popular participou do acordo no pleno celanovés. Leopoldo Rodríguez explicou que o BNG de Celanova e a formación nacionalista a nivel comarcal continuará insistindo nesta demanda de mellora na distribución de fondos dos servizos sociais.

A Mancomunidade non ten constancia de casos positivos de covid19

A preguntas dos portavoces do BNG, o presidente da Mancomunidade dixo que non tiña constancia de casos positivos de covid19 entre as traballadoras do servizo de axuda a domicilio. Cortés, que non convocou o pleno desde hai oito meses, asegurou que “no caso de sospeita, ás traballadoras mandámolas para a casa”. Segundo o máximo responsábel da entidade supramunicipal, as traballadoras dispoñen de todo o material de protección necesario para desenvolver o seu labor en condicións de seguridade para elas e para os usuarios.

Propostas trasladas polo BNG

Os portavoces nacionalistas tamén trasladaron o pleno dúas propostas. Unha, da Asociación de Amigos de la Banda de Música de Celanova, para que a Banda realice actuacións nos concellos mancomunados e poida obter a cambio unha axuda para cubrir os gastos que cifran en 12.000 euros. A outra, unha idea que suxiren veciños para a xestión dos residuos das rozas e evitar as queimas: que a Mancomunidade adquira e poña a disposición da veciñanza unha trituradora de madeira. Esta última proposición foi vehemente rexeitada por representantes do PP, que consideran a solución cara e ineficaz.

O BNG considera inxustificada a suba nas taxas dos bombeiros

O pleno da Mancomunidade acordou subir as taxas que se lle cobran aos veciños e outros concellos non mancomunados polo servizo de bombeiros coa única oposición dos dous representantes nacionalistas. O BNG considera inxustificada esa suba. O propio presidente da Mancomunidade ofreceu unha xustificación moi vaga da medida, aducindo que “as cousas soben máis cada día”. O BNG votou en contra porque pensa que taxas de 100 euros pola saída do servizo e un recargo do 50% se o servizo se presta a un concello non mancomunado, así como cotas de 20 euros pola bomba de achique ou ese mesmo prezo polo uso dunha torre de iluminación son excesivas. Os portavoces nacionalistas volveron reclamar que o servizo se integre de vez nun consorcio provincial (tal e como acontece na Coruña, Pontevedra e Lugo), diante do cal o grupo popular insistiu nas evasivas.