
Na xornada do venres a industria musical foi a protagonista da ICC Week, coa charla de Alejo Stivel. Cofundador do grupo Tequila, banda coa que acadou numerosos éxitos nos inicios dos 80, leva adicados máis de 30 anos á produción musical, teatral e publicitaria. Nesta sesión da ICC Week, presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, Stivel fixo unha interesante revisión sobre a figura do productor musical, baseada na súa propia experiencia, deixando reflexións sobre o panorama musical actual, a competencia, e a necesidade de que os artistas manteñan a súa autenticidade
Desde o centro cultural Marcos Valcárcel e vía streaming, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou aos alumnos e profesores do CEIP A Farixa ao invitado desta xornada, Alejo Stivel, fundador do emblemático grupo de rock Tequila, “un dos grandes protagonistas da música en España e mentor do Rock and Roll en castelán”.
Manuel Baltar repasou a grandes liñas a traxectoria de Alejo Stivel, primeiro como membro fundador de Tequila en 1977 e os discos publicados polo grupo, “memoria viva da historia da música en España”, para subliñar despois a súa faceta como produtor, con máis de 200 discos coas discográficas máis importantes da industria e con artistas e conxuntos como Joaquín Sabina, La Oreja de Van Gogh, El Canto del Loco ou M-Clan, por citar algún exemplos.
“Un xenio da música que fixo maxia coas súas cancións, que coñece como ninguén o traballo de produción, que chegou ao máis alto, pero que tamén axudou a outros moitos artistas a ter éxito no mundo musical, polo que é todo un privilexio telo con nós”, afirmou o presidente da Deputación.
Na introdución desta charla, Manuel Baltar lembrou que neste día -9 de outubro-, John Lennon cumpriría o seu 80 aniversario, desvelando que estaban previstas actividades con motivo desta efeméride, entre elas a visita da súa irmá Julia Baird para presentar o libro “Imagine this”, no que conta as súas vivencias co músico, “unha gran oportunidade que as actuais circunstancias derivadas desta pandemia impediu facer realidade”.
Stivel definiu na súa charla a figura do produtor musical, explicando que debería chamarse director musical, nun símil co cine, xa que aglutina todo o traballo creativo dun disco, e convértese no responsable do resultado final. Na carreira de Stivel hai preto de 250 discos producidos e como él mismo confesou, algúns son “discos de mierda pero que me dejaron mucho dinero, y algunos me han hecho llorar” pero a maior parte déronlle grandes satisfaccións, según contou nesta charla en streaming desde o Centro Cultural Marcos Varcárcel.
Tamén apuntou exemplos concretos, como o traballo con M-Clan. Despois de dous discos sen demasiado éxito, traballaron con Stivel no seu LP “Usar y tirar”, sendo este o traballo que os catapultou á fama. O produtor confesou que nestes anos tamén tivo erros, pero tivo unha porcentaxe de acertos moi interesante.
Sobre o panorama actual da industria subliñou que hoxe hai moitísimas máis cancións subidas ás redes, porque calquera ten a posibilidade de crear, de amosar a súa música, e por eso ”hay muchas más canciones malas que antes, pero también hay muchas muy buenas”.
No debate cos espectadores que seguían a charla por streaming, Stivel abordou a competencia do rock con estilos máis urbanos, indicando que está directamente relacionada cos tempos nos que estamos, pero confiando en que o rock ‘siempre resistirá’, e tamén subliñou a necesidade de ser en todo momento auténticos como artistas no escenario.
A programación da Semana das Industrias Culturais e Creativas péchase este sábado en Ribadavia coa charla de Ernesto Castro, filósofo e escritor que reflexionará sobre a democratización da fama na era das redes sociais, acompañado polo alcalde de Ribadavia, Cesar Manuel Fernández, na Igrexa da Magdalena a partires das 12.00 horas, con entrada ao público -con inscrición previa en Woutick- e aforamento reducido.