Reunión do Centro de Coordinación do covid 19 en Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, presidiu esta mañá unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR), creado o pasado 7 de outubro, na que se fixo un balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade dende a entrada en vigor das medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ante a evolución da COVID-19 nos municipios de Ourense e Barbadás.

Na reunión informouse de que dende o inicio das medidas restritivas da mobilidade en ambos concellos, que entraron en vigor ás 00:00 horas do xoves 8 de outubro, leváronse a cabo 224 dispositivos de control nos que se identificou a máis de 11.500 persoas. A pesar do respecto maioritario, 115 vehículos foron retornados polas forzas e corpos de seguridade por non acreditar suficientemente os motivos da viaxe. Así mesmo, o subdelegado do Goberno informou de 192 propostas de sanción e de 152 notificacións sobre infraccións da normativa sanitaria, unidas á detención dunha persoa.

Na xuntanza tamén se acordou o mantemento dos operativos de control conxuntos dos corpos de Policía Nacional, Garda Civil e policías locais de Ourense e Barbadás para restrinxir a mobilidade en ambos concellos, ademais do reforzo dos dispositivos nas vías secundarias.

O subdelegado do Goberno quixo manifestar o seu agradecemento pola colaboración da gran maioría da cidadanía de ambos concellos, incidindo en que se observa un elevado grao de cumprimento das medidas establecidas pola Xunta de Galicia.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así mesmo, Emilio González apelou unha vez máis á responsabilidade individual no cumprimento da normativa en vigor para conseguir reducir a transmisión do virus. Lembrou que “aínda queda moita loita contra a COVID-19 e non se debe baixar a garda para evitar dar pasos atrás”.

O subdelegado do Goberno quixo trasladar o seu agradecemento e recoñecemento a todas as forzas e corpos de seguridade polo traballo realizado a través dos dispositivos de control dende o día oito de outubro, así como durante o estado de alarma e o proceso de nova normalidade. Emilio González lembrou que “as forzas e corpos de seguridade do Estado velan dende o primeiro día da pandemia pola saúde e seguridade da cidadanía e así o van seguir facendo”.

Na reunión, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael López Pinel; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; a xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera Aldemira; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------