Moción do Bng de Ribadavia sobre as medidas urxentes fronte a suba de prezos

Estamos a padecer unha suba de prezos sen precedentes nos últimos 40 anos, que é máis grave e persistente do que se lle aseguraba á cidadanía, provocando unha perda xeneralizada do poder de compra. A medida que a suba de prezos persiste desemboca nun empeoramento xeral das condicións de vida das clases populares e o incremento da pobreza.

AVANTAR ACTIVIDADES

Asemade, as pequenas empresas e autónomos sofren do encarecemento da enerxía e os materiais, mentres unhas poucas grandes empresas amasan beneficios crecentes.

A situación está tamén a prexudicar seriamente a prestación de servizos por parte dos concellos galegos. A dispersión da poboación incrementa os custes en alumeado público, recollida de lixo, abastecemento e saneamento de augas, mentres o financiamento municipal segue baixo a media estatal. A suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos. Polo tanto, hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como as da banca ou as eléctricas multiplican beneficios.


         Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Demandar dos gobernos central e galego que no ámbito das súas competencias adopten medidas urxentes de xustiza social fronte á suba de prezos:

– Suba salarial acorde coa suba de prezos.

– Axudas directas a autónomos, pequenas e medianas empresas.

– Suba da RISGA e das pensións non contributivas.

– Incremento das axudas para gastos básicos de vivenda.

– Aumento dos impostos para as empresas eléctricas, enerxéticas e as grandes fortunas.