O Día do Libro volve á rúa do Paseo

Tanto nos postos da rúa como nas librerías, as compras deste día terán un 10% de desconto
Está pendente a participación de A’ Nova tras o incendio ocorrido onte na súa librería

Os libros foron unha táboa de salvación para moitos durante o confinamento do pasado ano, período no que o índice de lectura alcanzou un máximo histórico do 57%, segundo un estudo recente do Gremio de Editores de España. Moitas persoas descubriron entón o pracer
da lectura, mentres que outras desenterraron ese hábito lector cancelado durante tempo por culpa da velocidade e a tensión da vida diaria, atopando no confinamento o momento idóneo para recuperalo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Co obxectivo de seguir fomentando ese espírito e afán pola lectura, os libreiros ourensáns volven cos libros á rúa do Paseo, este ano na propia data que corresponde ao Día do Libro, mañá venres, 23 de abril, xa que en 2020 tiveron que aprazar esta conmemoración ao 23 de xullo a causa do confinamento.

O presidente da Agrupación de Libreiros, José Manuel García Mosquera, aseguraba hoxe que o sector ten boas expectativas con esta volta á rúa porque “notamos nos últimos meses que a afluencia ás librerías incrementouse , sobre todo por mor da campaña que o Concello levou a cabo o ano pasado para regalar un libro aos ourensáns e ourensás menores de 18 anos”, unha iniciativa que esperan que se repita de novo este verán, tal e como anunciaba o alcalde recentemente.

Unha carpa no Paseo, preto do parque de San Lázaro, acollerá os libros de sempre e as novidades editoriais do momento, nos postos pertencentes ás librerías Eixo, Khatedra, A Librería, A Viúva, Nobel, Pai Feijoó, Platero e Zampacontos. E para cumprir un ano máis coa tradición, ese día cada compra terá dobre obsequio: un caravel e un 10% de desconto, este último farase extensible en todas as librerías da cidade.


Ata o momento, está previsto que participe tamén a librería A’ Nova, que onte mesmo sufría un incendio nas súas instalacións, e cuxa titular, María Martínez, atópase valorando se poderá acudir á cita ou non. Desde a Agrupación de Libreiros lamentan o fatal accidente, solidarízanse coa libreira e desexan que as perdas de material polo lume sexan mínimas.