A xove compañía Amorodio Teatro estreará o vindeiro domingo 20 de abril a súa montaxe “Cortello da amor” no Auditorio Manuel María do Carballiño. A representación terá lugar ás 19,00 horas e o prezo da entrada está fixado en 5 euros. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, acompañado pola actriz Carmen Facorro e o actor Javier Castiñeira, adiantou que o argumento desta obra “xira ao redor dun tema de moita actualidade coma é o problema de acceso á vivenda para os xoves e a proliferación dos pisos turísticos”.
Javier Castiñeira comentou que “decantámonos pola comedia porque é o xénero que máis gosta en Galicia, ademais de comprometernos cos problemas da sociedade galega coma a lingua ou o papel das mulleres na Guerra Civil, que xa tocamos noutras obras, agora centrámonos na vivenda”. Unha temática que abordan baixo as vivenzas de Jack e Rose, unha parella que decide irse a vivir de aluguer a un faiado despois de acudir a un concerto de ‘Grande Amore’.
A montaxe está dirixida por Marian Mayobre e supón un gran reto para Amorodio Teatro: “Facer comedia é moi complicado, pero moi satisfactorio”, conclúe, ao respecto, a actriz Carmen Facorro.