Manuel Baltar: “O libro branco da Mobile Week Ourense propoñerá un novo modelo de sociedade dixital pero tamén máis humana”

Na clausura do evento tecnolóxico, o presidente provincial comprometeuse a aproveitar o traballo en rede da Deputación, grazas á presenza en entidades internacionais, “para facer chegar as conclusións ás altas institucións comunitarias e compartilas en foros especializados, porque en Ourense fomos capaces de contribuír ao desenvolvemento da sociedade do século XXI”

Publicidade

Despois de escoitar a un centenar de relatores, celebrar máis de corenta actividades por todo o territorio e contar coa colaboración de máis de cincuenta entidades e empresas, “o libro branco da Mobile Week Ourense 2021 axudaranos a propoñer un novo modelo de sociedade dixital, pero tamén e ao mesmo tempo máis humana”, dixo no Teatro Principal o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante o acto de clausura da primeira das tres edicións deste evento tecnolóxico que se celebrarán en Ourense e que contou coa presenza do director de Rede Mundo Atlántico, Mariano Gómez-Ulla, e de Cristina Colón, directora de Dixital Future Society da Fundación Mobile World Capital Barcelona.

O libro branco, sinalou o presidente provincial, “será unha motivación para que o noso goberno siga acelerando nesa vocación que temos pola tecnoloxía e a innovación, compartindo para avanzar, pero sen que ninguén quede atrás”. Neste sentido lembrou que hoxe, 23 de novembro, “é o Día Europeo das Persoas sen Hogar e hoxe o concepto fogar, para que sexa completo, ten que ter o compoñente dixital, a conectividade, facilitando o interactuar cos demais”.

Manuel Baltar comprometeuse a aproveitar o traballo en rede da Deputación, grazas á presenza en entidades internacionais como Partenalia ou a Asociación de Cidades Históricas Termais, “para facer chegar as conclusións da Mobile Week ás altas institucións comunitarias e compartilas en foros especializados, porque en Ourense fomos capaces de contribuír ao desenvolvemento da sociedade do século XXI, na que temos a obrigación de dar o mellor de nós mesmos”

A Mobile, subliñou, “foi un plus para un territorio creativo como é Ourense, acollendo ademais o primeiro evento que, en cinco edicións, celébrase con vocación provincial”. Ademais de agradecer o traballo levado a cabo por Rede Mundo Atlántico nesta edición, Manuel Baltar tamén tivo palabras para a Fundación Mobile World Capital Barcelona e en particular para o seu director, Carlos Grau, “que entendeu perfectamente o dinamismo do goberno da Deputación, cunha visión integral de provincia, e que non pasabamos por aquí, senón que todo isto é froito dun proxecto planificado e baseado na anticipación”.

Mariano Gómez Ulla, pola súa banda, agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense para facer posible o obxectivo da Mobile Week, que non é outro, dixo, “que trasladar os avances tecnolóxicos non no sentido profesional, senón ao ámbito cidadán”, ademais de “poñer un gran de area para que Ourense sexa moito máis coñecido do que xa é”.

Brechas digitales 

Cristina Colón, directora de Dixital Future Society da Fundación Mobile World Capital Barcelona -encargada de todas aquelas actividades relacionadas co impacto das tecnoloxías na sociedade-, tamén agradeceu o impulso que a Deputación de Ourense está a dar “para abordar un dos retos que considero fundamentais como é a redución das fendas dixitais”. Neste sentido apuntou que máis de 7.000 núcleos de poboación en Galicia, en especial nas zonas rurais, carecen dunha adecuada conexión a internet “cando a axenda dixital para Europa estipulaba que en 2020 toda a cidadanía podería contratar un acceso de máis de 30 megabits por segundo con independencia da súa residencia”.

Abordar as fendas dixitais “debe ser unha prioridade para todos e non só para as administracións públicas, involucrando tamén á cidadanía”, dixo, en especial cando a pandemia “trasladounos unha maior necesidade de conectar co cidadán”, no marco dunha transformación dixital que ten dúas caras: “a das oportunidades e beneficios, pero tamén a exclusión de colectivos vulnerables, o mal uso dos datos que ofrecemos na internet, a falta dun marco adecuado para os profesionais, ou o alto consumo de enerxía dalgunhas tecnoloxías que as fan incompatibles co modelo de sustentabilidade que marca a axenda 2030”.