O Partido Popular aproba a liquidación das contas do exercicio de 2022

“Este documento sinala, a través dun novo exercicio de transparencia, o gran esforzo económico do Partido Popular de Ourense, que conta coa maquinaria perfectamente engraxada para afrontar con plenas garantías de éxito as eleccións municipais e as xerais”, remarca o presidente provincial, Manuel Baltar, que hoxe cumpre 13 anos ao fronte do PPdeOU

30, xaneiro, 2023. O Partido Popular de Ourense celebrou esta tarde por vía telemática a reunión do Comité Executivo para aprobar as liquidacións das contas correspondentes ao exercicio de 2022. Un documento económico que reflicte uns ingresos de 475.046,54 euros e uns gastos de 505.378,61 euros. Un resultado no que influíron os gastos derivados das obras de reforma da nova sede provincial; asumir dous alugueres á vez ata completar a mudanza ás novas oficinas situadas na avenida de Buenos Aires; o incremento do coste da enerxía, ao pasar a partida destinada a este fin de 3.840 a 8.200 euros; e a suba nas rendas de alugueres nunha media dun 9% polo IPC.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Este documento sinala, a través dun novo exercicio de transparencia, o gran esforzo económico realizado polo Partido Popular de Ourense, que conta coa maquinaria perfectamente engraxada para afrontar con plenas garantías de éxito as eleccións máis importantes, de onde saen os gobernos máis próximos aos veciños e ao territorio; e nas que volveremos a ser a única formación cun candidato e un programa electoral para a Deputación de Ourense”, remarca o presidente provincial, Manuel Baltar, que hoxe cumpre 13 anos ao fronte do PPdeOU.

Manuel Baltar pondera a importancia dun ano no que se celebrarán as eleccións municipais e, previsiblemente, as eleccións xerais. “Dous citas chave, nas que primeiro obteremos a maioría absoluta na Deputación e un novo récord de alcaldías, proporcionando gobernos estables que garantan o progreso da provincia; e despois, cando se convoquen as eleccións xerais, contribuiremos dende Ourense á chegada do ourensán Alberto Núñez Feijóo a La Moncloa”.

Obxectivos, lembra o presidente provincial, para os que Partido Popular de Ourense leva traballado arreo dende o minuto seguinte á apertura das urnas de cada convocatoria electoral: “Esta é a forma de traballar deste partido, outorgando certezas e confianza. Coa máxima implicación, estando sempre en campaña, con persoas comprometidas co Partido Popular en cada recuncho da provincia e sempre buscando o mellor para este territorio, nunha forma de entender a política referendada polos ourensáns nas eleccións municipais, autonómicas, xerais e europeas”.