Os galegos poderán descargar dende o próximo luns o Bono Activa Comercio

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, anunciou que xa se sumaron en tan só seis días máis de 3.000 comerciantes galegos á iniciativa Bono Activa Comercio.

A partir do próximo luns, 24 de outubro, e ata o 31 de decembro os clientes poderán descargarse a través da web bonosactivacomercio.gal bonos desconto por 30 euros, que poderán empregar nos comercios finalmente adheridos.  

AVANTAR ACTIVIDADES

O orzamento que se destina á segunda edición desta iniciativa é de 5 millóns de euros, coa previsión de chegar a mobilizar 17 millóns en compras no comercio de proximidade de toda Galicia. A principal novidade deste ano é que se amplían os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para os que superen os 50 euros o desconto será de 15 euros.

O Bono Activa Comercio ten un dobre obxectivo e así, por un lado busca axudar á economía das familias e aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos, e por outro, incentivar as compras no comercio de proximidade en datas clave para a actividade comercial.

O vicepresidente económico subliñou que se trata de dinamizar o consumo e de apoiar un sector moi importante para a economía e a calidade de vida das vilas e cidades galegas. Neste sentido, Conde apuntou que os esforzos da Administración autonómica se centran en promover a súa modernización e competitividade impulsando a dixitalización e comercio en liña e a sustentabilidade. Para eses e outros obxectivos, os orzamentos para 2023 destinan 24 millóns de investimento.