A Xunta adxudica as obras da primeira fase de renovación do colector xeral da rede de abastecemento de auga en Louredo, no Concello de Cortegada

Este contrato conta cunha achega autonómica de máis de 48.000 euros e un prazo de execución de 3 meses

Esta actuación xustifícase pola antigüidade e mal estado da rede de abastecemento de auga neste núcleo de poboación e permitirán intervir na rede de abastecemento e substituír 726 metros do colector actual

AVANTAR ACTIVIDADES

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras da primeira fase de renovación do colector xeral da rede de abastecemento de auga en Louredo, no Concello de Cortegada.

Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Almacenes Manuel Viso e Hijos, S.L, contará cunha achega autonómica de máis de 48.000 euros e dispón dun prazo de execución de 3 meses.

Esta actuación xustifícase pola antigüidade e mal estado da rede de abastecemento de auga no núcleo de Louredo, para o que o Concello ourensán ten redactado unha memoria de valoración das obras necesarias para renovar o colector xeral existente.

A intervención completa prevese executar en dúas fases, correspondendo o contrato desta primeira fase na substitución de 726 metros do colector existente.

Os traballos consistirán no corte do pavimento actual do viario interno do núcleo polo que discorre a rede actual e escavación de gabias, o que permitira intervir na rede de abastecemento, executando as canalizacións en tubo de polietileno, 4 pozos de rexistro, 2 válvulas de esfera e 2 bocas de rega. As obras rematarán coa reposición dos pavimentos nos camiños do núcleo polos que discorre o colector.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.