Gabriel Alén, Delegado Territorial da Xunta reunese co Alcalde de Cenlle José Manuel Rodríguez Lamas para ver liñas de colaboración

O DELEGADO TERRITORIAL DA XUNTA EN OURENSE ANALIZA CO ALCALDE DE CENLLE LIÑAS DE COLABORACIÓN PARA SEGUIR COA MELLORA DE SERVIZOS E INFRAESTRUTURAS MUNICIPAIS

  • Gabriel Alén, que foi rexedor da localidade 9 anos, avaliou con José Manuel Rodríguez as recentes achegas autonómicas que posibilitaron a construción dunha aula cemit e a reforma integral dos seus dous centros de saúde
  • O remate do paseo fluvial do río Miño, que permitiría conectar Barbantes con Ribadavia e con Ourense, é un dos proxectos que o alcalde quere executar co apoio da Xunta
  • O representante do Goberno galego amosou a súa vontade de colaborar co municipio para estudar e desenvolver proxectos que beneficien á veciñanza

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro,  e o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez Lamas, mantiveron hoxe un encontro de traballo dentro dos contactos institucionais iniciados polo novo representante autonómico, para coñecer a realidade e as necesidades dos concellos da provincia.

AVANTAR ACTIVIDADES

No caso do municipio de Cenlle, Alén Castro, sabe da súa situación e das súas demandas   xa que pertenceu a súa Corporación durante 13 anos, os últimos nove como alcalde.

José Manuel Rodríguez manifestoulle ao delegado territorial o interese do seu Concello por contar co apoio da Xunta para desenvolver proxectos considerados prioritarios para o futuro de Cenlle, do mesmo xeito que o obtivo este mesmo ano para a construción dunha aula cemit e a reforma integral dos dous centros de saúde emprazados no termo municipal, que incluíu unha nova cuberta para cada unha destes servizos sanitarios, ademais da dotación de novo mobiliario e outras melloras.

Entre as iniciativas que quere impulsar coa colaboración do Goberno autonómico, o alcalde  referiuse ao remate da reforma das oficinas municipais para así completar a dotación de servizos públicos nunha zona da capitalidade do municipio onde coinciden o colexio, o centro de saúde, as vivendas de promoción públicas xa existentes e as que se están a construír, as piscinas veciñais, a aula cemit e o campo de fútbol.

O rexedor expuxo tamén a intención de continuar e rematar o proxecto o paseo fluvial do río Miño que permitiría conectar Barbantes con Ourense e Ribadavia e contribuiría ao desenvolvemento turístico e económico do municipio. Nos últimos tres anos a Xunta destinou máis de 600.000 euros a esta actuación de recuperación ambiental e posta en valor para uso público da marxe dereita do encoro de Castrelo que permitiu a creación dun paseo que suma 8,5 quilómetros dende Barbantes ata Xubín. Outra actuación necesaria, segundo o  alcalde, sería a execución dun proxecto medioambiental de humanización da travesía de Trazariz.

Durante o encontro Gabriel Alén brindoulle ao alcalde de Cenlle a colaboración autonómica necesaria para desenvolver proxectos que contribúan ao benestar da veciñanza e lembroulle a aposta e o compromiso do Goberno galego co Concello de Cenlle.  Neste senso, indicou que as achegas da Administración autonómica durante a pasada lexislatura superaron os 3 millóns de euros e posibilitaron, xunto co paseo fluvial e a reforma dos dous centros de saúde, a construción  de seis vivendas modulares de promoción pública cuxo remate está previsto no primeiro trimestre de 2021, para -a continuación- iniciar o proceso de adxudicación entre os demandantes de vivenda, que poderán acceder á mesma en réxime de compra ou de alugueiro. Ademais, a Xunta apoiou a posta en marcha dunha casa do maior e dunha casa niño.