Os centros educativos renden homenaxe a Carballo Calero

Comezaron esta semana os obradoiros nos centros educativos do Carballiño para conmemorar as Letras Galegas, que este ano se lle adican a Ricardo Carballo Calero, e que a Real Academia Galega aprazou para este mes de outubro.

Así, desenvolvéronse tres obradoiros no CEIP da Uceira para o alumnado de 5º de Educación Primaria sobre “Xoguetoloxía sen nada nas mans”: xogos bailados, xogos lingüísticos, xogos musicais…  Unha sesión na que compartiremos unha serie de enredos e dinámicas que amosan unha parte do rico patrimonio lúdico galego, aquel que se crea e se recrea no cotiá, na participación grupal e social, na oralidade e na sinxeleza e humildade para o desenvolvemento e a expresión lúdica das persoas, sen nada nas mans e nos petos. A esta actividade escolar, que promove o Servizo de Normalización Lingüística do concello, asistiu a concelleira de Educación, Guadalupe Sobrado.

AVANTAR ACTIVIDADES

O luns, 26 de outubro,  terá lugar o obradoiro Ernestina Otero, semente de igualdade, semente de liberdade. Este obradoiro creativo mestura a arte de contar contos coa arte de ilustralos e pintalos. Está dirixido a alumnado de 5 anos do CEIP Calvo Sotelo.

O martes, 27 de outubro, haberá outro obradoiro de taboleiros medievais no CPR Vila do Arenteiro  para alumnado de 3º da ESO de 9,20 h a 11.00 h,  no que descubriremos como se entretiñan e a que xogaban os/as nenos/as (e non tanto) na Idade Media, e como esa pegada quedou plasmada no legado artístico da comarca.

Finalmente, repartiranse 3.000 marcapáxinas entre escolares e veciños, que se poden recoller no Servizo de Normalización Lingüística do concello.