A Xunta e o concello colaboran para a creación do novo centro de saúde na estación de autobuses, duplicando a superficie do actual

A Xunta de Galicia construirá un novo centro de saúde na parcela da antiga estación de autobuses do Carballiño que duplicará a superficie da actual infraestrutura sanitaria. Así o acordaron hoxe os conselleiros Sanidade e de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade, Julio García Comesaña e Ethel Vázquez, respectivamente, co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega. Os representantes públicos asinaron un protocolo de colaboración que dá luz verde á execución desta importante e necesaria infraestrutura sanitaria para o municipio.

No protocolo asinado hoxe, o Concello do Carballiño comprométese a realizar os trámites oportunos para a transmisión, en pleno dominio e libre de cargas e gravames, da parcela da antiga estación de autobuses emprazada no número 66 da Avenida do Balneario para a construción do centro de saúde coa cualificación urbanística axeitada ao Plan Funcional e de Espazos, así como ao cambio de uso do equipamento como sanitario.

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo Centro de Saúde duplicará a superficie do actual, pois terá 4.500 m² fronte aos 1.800 do antigo local. “Vai ser un inmoble moderno, que permitirá contar con máis consultas de medicina e enfermaría, froito das prazas que se crearon neste centro a través do Plan Galego de Atención Primaria”, explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que engadiu que o espazo contará tamén con importantes melloras para a asistencia a pacientes e profesionais, pois incorporará as áreas bucodental e de saúde mental, así como salas de críticos e de observación no PAC.

O titular de Sanidade destacou que esta infraestrutura sanitaria suporá unha mellora substancial para un centro no que reciben asistencia máis de 20.000 pacientes e no que acoden a traballar máis de 30 profesionais.

O centro de saúde dará resposta á demanda de aparcadoiro

As tres administracións públicas coincidiron ademáis na necesidade de que o novo centro de saúde dea resposta á demanda de aparcadoiro que se vai necesitar, polo que  a Xunta buscará unha solución arquitectónica que cubra dita demanda e destinará unha parte do espazo libre de 1.000 metros cadrados para aparcadoiro en superficie. O Concello comprometese ao mantemento desta área cun regulamento de uso compartido.

O Concello adaptará o seu plan urbanístico á edificabilidade que demanda o Plan de Espazos de 4.500 m² e propiciará un ordenamento que permita conseguir o mellor aproveitamento do centro de saúde e do espazo libre para aparcadoiro en superficie.

Unha vez posta a disposición a parcela necesaria, a Xunta levará a cabo os trámites e iniciará as obras de construcción deste novo centro de saúde no Concello de O Carballiño.

A Consellería de Infraestruturas, involucrada en todo o proceso

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estará involucrada en todo o proceso, “pois será a encargada de contratar e executar a obra deste novo centro de saúde” segundo sinalou hoxe o conselleiro de Sanidade.  O departamento que dirixe Ethel Vázque se encargará de xestionar “o futuro dos autobuses do Carballiño noutra parcela, como do futuro desta parcela despois de que salgan dela os autobuses”.

Salientou a dobre satisfacción da Consellería de Infraestruturas pola execución do equipamento sanitario e tamén por habilitar unha parada de autobús intermodal na estación de tren, cun financiamento autonómico que ascende a 190.000 €.

Ethel Vázquez explicou que se acometerá unha parada con marquesiña disposta a ambos os dous lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira, en dirección de acceso á vila, sobre a propia avenida; e a outra na marxe oposta, para os autobuses que saen do municipio.

Sinalou que se está co proceso de contratación destas obras, polo que se prevé comezalas o vindeiro ano co fin de poñer á disposición dos veciños o próximo verán esa parada intermodal que axilice o intercambio do autobús e do tren.