O grupo municipal socialista na cidade de Ourense reúnese para sinalar accións prioritarias e deseñar un plan de mandato que dinamice a cidade no contexto da pandemia

Na reunión, os socialistas estableceron medidas a aplicar nos cen primeiros días, entre as que se inclúen o diálogo permanente coa sociedade, ou a normalización da vida institucional

Publicidade

Os edís do Grupo Municipal Socialista da cidade reuníronse este luns para sinalar accións prioritarias na actual situación de crise sanitaria, económica e social en Ourense debida á COVID-19, así como para deseñar un plan que supere a parálise municipal e dinamice a cidade a medio e longo prazo.

Na reunión, os socialistas estableceron medidas a aplicar nos cen primeiros días, que inclúen o diálogo permanente coa sociedade, a normalización da vida institucional, o incremento da seguridade fronte aos contaxios nas instalacións públicas e nas zonas e instalacións urbanas que acumulan maior número de casos e potencial de transmisión (p. ex., determinadas rúas, residencias de maiores ou o transporte urbano), o apoio á hostalaría, ao comercio, as PEMEs, á educación, á cultura e ao deporte, á dixitalización e, sobre todo, á igualdade e ás necesidades de atención social causadas pola actual situación de crise.

A reactivación da capital provincial ocupou a segunda parte da reunión, subliñándose a necesidade de actuar de xeito decidido sobre cuestións adiadas durante os últimos anos que repercutiron negativamente sobre a nosa cidadanía. Entre as actuacións acordadas incluíronse proporcionar servizos municipais de xeito eficiente, pagar aos provedores en prazos axeitados, renovar canto antes as concesións en precario, ademais de mellorar a xestión e dispor de persoal suficiente, cualificado e valorado.

Os socialistas da cidade tamén consideraron urxentes actuacións coma o desbloqueo do PXOM, a mellora e coidado de infraestruturas e espazos públicos cotiáns, a limpeza e desinfección de vías, a optimización do alumeado de rúas e monumentos, así como poñer fin ao descoido das canles fluviais ou do aspecto de edificios e lugares emblemáticos.

Finalmente, os integrantes do PSdeG-PSOE da cidade estudaron o cronograma de execución de cuestións estratéxicas referidas á integración da alta velocidade, ao desenvolvemento do termalismo e das circunvalacións urbanas, a implantación do transporte metropolitano ou de titulacións vencelladas ao territorio e ao tecido produtivo no campus de Ourense, entre outras, cuxa complexidade, custe e relación con outras administracións públicas requiren de accións consensuadas.