O Psdeg-Psoe de Allariz insta a Xunta á elaboración dun modelo eólico integral coa participación dos sectores implicados e que poña solución aos problemas actuais

A voceira socialista Zaida Rodríguez destaca que a protección ambiental do territorio “é deficiente” e pide que a Xunta “fomente mecanismos de transparencia e información”

As socialistas tamén lle requirirán ao Concello que se acondicionen as zonas peonís e a carga e descarga da rúa Alarico e que se esixa aos propietarios a limpeza de fincas e parcelas que seguen sen limparse

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Allariz defender no pleno deste venres unha moción para que o Concello inste a Xunta de Galicia á elaboración dun modelo eólico integral coa participación de todos os sectores implicados, que poña solución aos problemas actuais que presenta o actual modelo e que conteña diferentes propostas nos ámbitos económico, da transparencia e participación, ambiental e da planificación e coordinación co Goberno do Estado. Os socialistas esgrimen que nestes momentos o sector está a experimentar un relanzamento e apuntan a que “non se deben repetir os erros cometidos no pasado” polo que avogan por equilibrar a negociación entre as empresas instaladoras e os propietarios, “nun proceso transparente” que sexa unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento no rural.

Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que o actual marco regulador concede ao promotor a posibilidade de camiñar cara a expropiación, coa solicitude de declaración de utilidade pública dos parques, incidindo negativamente sobre os propietarios na negociación e sobre as rendas que lles pagan. “A administración autonómica non fomenta mecanismos de transparencia e  información cara os propietarios, comunidades locais e concellos”, destaca a voceira socialista, Zaida Rodríguez Camba, que tamén apunta que “as autorizacións de explotación eólica carecen de data de caducidade e a veciñanza, comunidades e concellos non reciben a compensación axeitada pola instalación dos parques no seu territorio”.

Para o PSdeG-PSOE de Allariz a protección ambiental do territorio “é deficiente”, coa implantación e repotenciación dos parques en lugares próximos ás vivendas e zonas que “deberan estar máis protexidas”. Unha situación que segundo denuncian provoca que “non se conceda a dito mundo rural nin aos seus propietarios de capacidade de decisión sobre a posta en marcha dos parques e non deixou aos axentes rurais capacidade para poder formar parte da planificación do desenvolvemento eólico e fórmulas para autoxestionar o recurso do vento, que si existen noutros países”, explica Rodríguez Camba.

Os socialistas propoñen deste xeito varias medidas no ámbito económico como son o establecemento dos tipos de gravame nos máximos permitidos para os impostos de xestión municipal vinculados coa actividade eólica; o establecemento no Canon Eólico e no Fondo de Compensación Ambiental un canon establecido pola potencia instalada no parque; utilizar integramente o Canon Eólico para actuar sobre as melloras na contorna dos parques eólicos; ou introducir protocolos de intercambio de información cos actores locais para maximizar o impacto económico no territorio afectado.

Tamén apuntan a medidas no ámbito da transparencia e participación como serían fomentar un contrato tipo para favorecer a transparencia e garantías dos propietarios rurais; fomentar fórmulas de negociación entre promotor e propietario previas a un posible inicio de procedemento expropiatorio; crear unha base pública de información dos prezos alcanzados nas negociacións entre as partes; ou reforzar o sistema de asesoramento da administración autonómica para axilizar as demandas de información por parte das comunidades afectadas.

No relativo a medidas ambientais, os socialistas apuntan a mellorar os mecanismos sobre as garantías medioambientais dos territorios afectados pola instalación de parques eólicos ou a repotenciación dos existentes, coa protección do territorio pertencente á Rede Natura e as súas futuras expansións e tamén a implementar mecanismos de información e asesoramento ambiental para as comunidades afectadas pola implantación de parques eólicos. E no ámbito de planificación e coordinación co Goberno do Estado, dende o PSdeG-PSOE de Allariz apuntan a necesidade de deseñar figuras específicas para o fomento de parques eólicos comunitarios, reservando unha bolsa de MW anuais para a súa posta en marcha e recuperar a figura dos parques eólicos singulares ou outra figura de propiedade pública municipal.

Acondicionamento de zonas peonís na rúa Alarico

Dende o Grupo Municipal Socialista de Allariz tamén lle esixirán ao Concello que se acondicionen as zonas peonís da rúa Alarico e se proceda o encete da mesma, na marxe dereita, dunha zona de carga e descarga para atender as demandas dos comerciantes desa zona. “Son varias as queixas recollidas polo noso grupo municipal por parte de comerciantes e veciños e veciñas da zona en relación coa ordenación do vial que recentemente efectuou o Concello e urxe darlles solucións”, apunta socialista Zaida Rodríguez.

Os socialistas avogan pola ampliación da zona de carga e descarga na marxe dereita da entrada da rúa, xa que consideran que o tramo actual para tal fin “non é suficiente e está enclavado diante dun garaxe cun vado permanente”. Apuntan tamén a necesidade de realizar unha actuación no vial acondicionando as zonas peonís que queden fora do carril de senso único implementado. “Non basta con poñer balaustres de ferro para peonalizar a rúa, senón que debe procederse a unha actuación integral para acondicionar estes tramos”, destaca a voceira socialista.

Requirimentos aos propietarios para a limpeza de terreos e fincas

Outro dos puntos no que os socialistas de Allariz fan fincapé, é nas súas esixencias ao Concello de Allariz para que se proceda “de xeito urxente” a requirir aos propietarios incumpridores da limpeza de fincas e terreos, segundo apuntan “seguen sen limparse”. Os socialistas avogan por que se limpen senón de xeito subsidiario e forzoso, mediante a imposición de multas coercitivas previstas na lexislación sectorial vixente.

“Rematados os prazos previstos para a limpeza de fincas e solares, chama poderosamente a atención o número de parcelas que a data de hoxe están sen desbrozar, sendo múltiples e variados os terreos que na propia capitalidade están a incumprir a normativa”, finaliza Zaida Rodríguez.