Os deputados e deputadas provinciais do Psdeg-Psoe de Ourense peregrinarán ata madrid para esixir un reparto democrático dos cartos da deputación

Comenzarán a andaina reivindicativa mañá mércores desde o Pazo Provincial e camiñarán en quendas as 24 horas do día co fin de chegar á capital do Estado antes do luns día 15

Coa iniciativa ‘un millón de pasos por Ourense’ pretenden reclamar o amparo das institucións estatais, co fin de acabar co reparto caciquil dos fondos públicos da institución que Baltar executa a dedo

AVANTAR ACTIVIDADES

VIDEO Premer na Imaxe

Os deputados e deputadas provinciais do PSdeG-PSOE de Ourense peregrinarán ata Madrid para esixir un reparto xusto, equitativo e democrático dos fondos públicos da Deputación presidida por Manuel Baltar. Coa iniciativa ‘un millón de pasos por Ourense’ pretenden reclamar o amparo das institucións estatais, co fin de acabar co reparto caciquil dos cartos. “Actualmente nove de cada dez euros desta institución acaban en municipios gobernados polo PP a través de acordos a dedo, unha situación anómala e única en todo o Estado”, denuncian.

Os nove cargos socialistas comezarán mañá mércores unha andaina de medio millleiro de quilómetros, en quendas as 24 horas do día, co fin de chegar á capital antes do luns 15, xusto antes do Debate do Estado da Provincia. O grupo partirá as 16 horas desde a contorna do Pazo Provincial da capital ourensá e no primeiro tramo estarán acompañados por alcaldes e alcaldesas e outros cargos institucionais do PSdeG-PSOE de Galicia. Durante o percorrido tamén manterán encontros con cargos públicos de Castela e León.

O voceiro do grupo provincial, Rafa Villarino, explicou hoxe que queren dar “visibilidade en todo o Estado” para que “deixe de estar no anonimato” o modelo “caciquil” que aínda sobrevive nesta institución e que “causa espanto”. “Queremos que as institucións estatais sexan coñecedores dos atropelos que estamos a sufrir”, manifestou acompañado dos deputados e deputadas porque “Ourense está farta do que pasa aquí” ao igual que “os alcaldes, deputados, concelleiros e toda a poboación”.

“No hai dereito a que a xente, por vivir nun pobo que non sexa da cor política do PP, sexa automaticamente discriminada”, denunciou Villarino porque “todos e todas teñen dereito a recibir os mesmos fondos” antes de cualificar o que pasa na Deputación como unha “excepción noxenta” que non sucede nin en Pontevedra, nin en Lugo, ni en Coruña nin no resto de provincias de España.

“Temos un presidente que é incapaz de distribuír os fondos públicos de xeito obxectivo, equilibrado e con criterios compartidos”, sinalou Villarino ante o modelo de reparto a dedo que practica Baltar sistemáticamente. “Somos todos e todas iguais e estamos fartos de ser tratados como se fósemos distintos por non pertencer a unha dinastía ou a un partido político afín a esa dinastía”, proclamou antes de concluír que “estamos fartos do baltarismo” polo que esta marcha reivindicativa ten como fin último que os fondos públicos sexan repartidos dun modo “obxectivo dunha vez por todas”.