Medio Ambiente estudará colaborar co concello de Castrelo de Miño na urbanización da contorna da Casa do Maior de Vide

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse esta tarde co rexedor Avelino Pazos para analizar varios asuntos de interese municipal en materia urbanística

Publicidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará as posibilidades de colaborar co Concello de Castrelo de Miño (Ourense) nun proxecto para acometer a urbanización do entorno da vivenda comunitaria e da Casa do Maior de Vide. Así o comprometeu esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha xuntanza co alcalde Avelino Pazos para tratar varios asuntos de interese municipal en materia urbanística.

En concreto, o rexedor explicoulle que o Goberno local pretende levar a cabo unha serie de obras para urbanizar a parcela na que actualmente se atopa o centro de día e a vivenda comunitaria do núcleo de poboación de Vide.

O obxectivo da actuación é facilitar o tránsito de vehículos e peóns, suprimir as actuais barreiras arquitectónicas mediante un acceso axeitado a estas instalacións, pechar perimetralmente a parcela e axardinar e dotar de mobiliario público o recinto.

Neste sentido, o rexedor ourensán explicoulle á conselleira que o proxecto busca unha mellora dos espazos públicos comúns a disposición tanto dos veciños do Concello como dos usuarios destas instalacións en particular. En definitiva, o obxectivo é lograr a humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro de ambas edificacións, área de aparcamento e acceso rodado de vehículos, instalación dunha varanda de protección na rampla que dá acceso á vivenda comunitaria e creación de espazos de relación con mobiliario integrado na contorna e zona arborada.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez trasladoulle que existen varias liñas de axudas e programas de colaboración a través dos cales o seu departamento apoia economicamente ás entidades locais na execución de intervencións e proxectos urbanísticos que, como este, contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.

Por esta razón, aseguroulle que analizará o contido do proxecto co fin de estudar a posibilidade de que a Consellería de Medio Ambiente poida implicarse e colaborar co consistorio para levalo a cabo.