Moción de Podemos para destinar parte dos cartos do alumeado de nadal á creación de bonos para incentivar o comercio local.

Dende o Círculo de Podemos no Carballiño presentamos para a súa votación e aprobación en sesión plenaria a seguinte PROPOSTA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

AVANTAR ACTIVIDADES

A situación que se está vivindo no noso concello motivada pola COVID-19 e este segundo peche de actividades non esenciais decretado estes días pola Xunta de Galicia deixa moi tocada á economía de moitos fogares da nosa vila.

O panorama socio-económica que está provocando a COVID-19 marca un presente moi complicado e un futuro incerto e nalgúns casos inexistente para as actividades económicas do noso concello e para os sectores produtivos máis afectados, comercio local e hostelería.

Esta situación castiga de xeito directo a estes negocios e as persoas que dependen de eles para poder vivir, e que se ven e se verán abocados ao seu peche definitivo ou a ERTEs. A paralización do consumo, as restricións de mobilidade, o peche da hostelería en moitos concellos e as novas medidas do estado de alarma conforman unha situación preocupante e moi complicada para moitas persoas.

Dada esta situación de emerxencia socio-económica, é conveniente que o noso Concello priorice as súas políticas en busca de dar axuda e tomar medidas urxentes para protexer a estes sectores máis afectados e ás familias que se están quedando sin recursos.

Por outra parte, cada ano, ás proximidades do Nadal, e cada vez dende máis temperán, vemos como o concello de O Carballiño fai unha inversión crecente nos adornos e alumeado das festas. Os argumentos para dito investimento van na liña de favorecer e dinamizar o consumo no comercio local e hostalería, e, ultimamente,  a aposta polo alumeado de Nadal como reclamo turístico. En Galicia vemos como cada vez máis existe unha competencia respecto a este investimento, e se instalou certa expectativa de quen realiza un maior investimento xerando un clima de competitividade entre unhas cidades e outras e que se afasta da finalidade inicial de ditas inversións. Á par, tamén se xera certa controversia e debate entre a cidadanía, posto que hai quen considera que faltan datos que amparen a repercusión real deste gastos nas economías locais e xustifiquen o seu incremento ano tras ano.

Ante a actual situación de crise (cun comercio local e unha hostalería sufrindo restricións, peches, limitacións de aforo e cunha difícil subsistencia) é importante unha racionalización dos recursos e a elaboración de estratexias que teñan unha repercusión máis directa no consumo e favorezan a continuidade do tecido local. As restricións e peche perimetrais de concellos desbotan ou, canto menos, dificultan as posibilidades de desprazamento entre vilas, polo que é preciso pensar estas estratexias enfocadas no consumo interno. Estas limitacións de mobilidade tampouco favorecen ás estratexias pensadas como reclamo turístico, polo que é importante establecer prioridades e o público obxectivo dos investimentos que ser realicen dende as institucións.

Todo isto fai pensar que cada vez son menores as xustificacións para un investimento en decoración e alumeado de Nadal e invitan a unha redución do mesmo e ao emprego das partidas correspondentes para incentivos directos ao consumo. Existen exemplos de localidades que teñen implementado paquetes de bonos subvencionados polas entidades locais cun bo resultado, chegando a esgotar a cantidade límite orzamentada.

En base ao exposto,dende O Círculo de Podemos no Carballiño propoñemos  a que o pleno de esta Corporación local aprobe os seguintes

ACORDOS

  1. O Concello de O Carballiño traballará na creación dun sistema de bonos que incentiven o consumo tanto no comercio local como na hostalería baseado no documento anexo a esta moción.
  1. O Concello de O Carballiño financiará o importe deste sistema de bonos mediante unha transferencia de crédito procedente da partida orzamentaria prevista para custear o alumeado de Nadal deste ano reducindo no 80% o investimento nesta materia, en base ao recollido nos artigos 177, 178 e 179 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais (TRLRHL).
  1. O Concello de O Carballiño realizará unha campaña comunicativa para difundir este sistema de bonos tanto en medios de comunicación, redes sociais e a pé de rúa para facilitar o acceso a este sistema tanto aos establecementos para a súa adhesión, como á veciñanza para a compra dos bonos.
  1. O Concello de O Carballiño realizará un estudo do sistema de bonos e as súas repercusións na dinamización do comercio e da hostalería cuxos resultados serán publicados co fin de avaliar a repetición desta acción noutras épocas do ano e introducir posibles melloras.
  1. O Concello de O Carballiño deseñará unha estratexia comunicativa para a concienciación da veciñanza respecto aos beneficios do consumo do comercio de proximidade respecto fronte a aquel realizado nas plataformas web.
  1. O Concello de O Carballiño actuará de facilitador e acompañará ao tecido local no seu tránsito cara a dixitalización e o emprego de ferramentas que impulsen a modalidade de venda a distancia de maneira complementaria á venda física.

En O Carballiño, a 11 de novembro de 2020

DOCUMENTO ADXUNTO

PROPOSTA DE BASES PARA A CREACIÓN DE BONOS PARA INCENTIVAR O CONSUMO NOS ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS E HOSTALEIROS NO CONCELLO DE O CARBALLIÑO

OBXECTO DA CAMPAÑA

O obxecto da presente convocatoria é reactivar os sectores comercial e hostaleiro do Concello de O Carballiño incentivando a compra de proximidade para a superación dos efectos económicos negativos derivados da pandemia provocada polo COVID-19. Xunto á aprobación dun paquete de axudas directas destinadas ó sector comercial, restauración e hostalería de proximidade a Concellería de Promoción Económica do Concello de O Carballiño pon en marcha unha iniciativa consistente na emisión de bonos comercio e hostalería para o consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da cidade, contando co compromiso e colaboración de toda a cidadanía para a revitalización da actividade económica local.

As bases reguladoras da emisión de bonos-comercio e hostalería serán as seguintes:

PRIMEIRA. CONTÍA A APORTAR POLO CONCELLO

A contía a destinar será o 80% do gasto previsto para o alumeado de nadal destinado a  este concello que é de _________________ e se crearán unha batería de _____________  bonos por valor de 30 € c/u, repartidos en dous “billetes por valor de 10 euros e outros dous por valor de 5 euros”. O custo de adquisición para os cidadáns será de 20 €, asumindo o concello unha cantidade equivalente a 10 euros por bono.

O importe de cada bono deberá gastarse nun único establecemento comercial ou de hostalería.

SEGUNDA. FINANCIAMENTO.

O Concello de O Carballiño aportará inicialmente, sen prexuízo da ulterior ampliación, a cantidade de __________€ (cantidade correspondente ao 80% do destinado ao alumeado do nadal, ampliable si fose necesario e con cargo ao remanente de tesourería  de este Concello).

TERCEIRA. DURACIÓN

O prazo para gastar os bonos desta primeira emisión, será do ____ de novembro de 2020 ao 31 de xaneiro de 202, ambos inclusive.

CUARTA. SOLICITUDE E PROCESO DE ADHESIÓN Á CAMPAÑA

Os establecementos interesados en participar deberán adherirse á campaña

formulando a oportuna solicitude acompañada da seguinte documentación:

 Solicitude de adhesión asinada e selada.

 Fotocopia do NIF/CIF.

 Certificado de alta no IAE.

 Último recibo de autónomos de que se dispoña.

 Outra documentación: a organización resérvase o dereito de solicitar calquera

outro documento que considere necesario.

QUINTA. OBRIGAS DO ESTABLECEMENTO ADHERIDO

A empresa/comercio adherida comprométese á recepción e colocación dos materiais

informativos da Campaña nun lugar visible do establecemento. Dita documentación

consistirá:

 Bases da campaña.

 Cartel identificativo da mesma.

Comprométese igualmente a estar ao corrente coas súas obrigas e non ser debedor, fronte ás diferentes AA.PP., estatais, autonómicas e locais.

Facer un uso responsable da campaña evitando o uso fraudulento dos bonos.

SEXTA. LUGAR DE PRESENTACIÓN E PRAZO DA SOLICITUDE

A solicitude de participación presentarase a través da Sede electrónica do Concello de O Carballiño.

Prazo: o período inicial de solicitude de adhesión á campaña por parte dos establecementos comerciais e de hostalería interesados comezará ao día seguinte da publicación das presentes bases na Sede electrónica do Concello  e rematará logo do transcurso de 15 días hábiles dende a devandita publicación, non se admitirán máis solicitudes a partir da data límite.

SÉTIMA. CARACTERÍSTICAS E CONDICIÓNS DOS BONOS

 Un paquete de bonos por un valor total de 30€, divido en 2 bonos de 5€ e 2 bonos de 10€.

 Custo de adquisición do paquete de bonos para a clientela: 20€.

 Aforro: 10€.

 Nº de paquetes: ________

 Se o importe da compra é inferior ao importe do bono, non se devolverá cambio

algún en efectivo.

 Os bonos non son trocables por diñeiro en efectivo.

 No caso de que se produza unha devolución do produto, o establecemento deberá emitir un vale polo importe íntegro da compra, non sendo posible a devolución de diñeiro en efectivo.

 Número máximo de 2 paquetes de bonos por DNI ou NIE orixinal.

 Deberán presentarse os DNIs orixinais e cada persoa poderá presentar como máximo 2 DNIs (incluíndo o seu propio).

 Non poderán adquirirse bonos por medio de DNIs de menores de idade.

 Os bonos poderán acumularse ata un máximo de 60€.

 Data límite de uso dos bonos: 30 de xaneiro de 2021

 A venda de bonos realizarase en:

Oficina bancaria …….(no seu caso asinarase o oportuno convenio de colaboración cunha entidade colaboradora, no que se detallarán a forma e as condicións da mesma).

OITAVA. PROCEDEMENTO DE TROCO DOS BONOS POR PARTE

DOS ESTABLECEMENTOS ADHERIDOS

Os establecementos participantes, poderán trocar os bonos, na forma e prazos que se determinen no convenio coa entidade Bancaria

Os locais participantes deberán achegar á entidade bancaria o bono ou bonos orixinais que recibisen debidamente selados e o tícket ou factura do gasto correspondente. Non se abonarán bonos falsificados, rotos, deteriorados ou presentados a partir da data límite da súa liquidación.

O CONCELLO RESÉRVASE O DEREITO DE APARTAR PARA FUTURAS CONVOCATORIAS E DENEGAR A LIQUIDACIÓN DOS BONOS A AQUELES COMERCIANTES NOS QUE SE DETECTE UN USO FRAUDULENTO E LUCRATIVO DA CAMPAÑA.