Resposta do Grupo de Goberno ao comunicado do PP

O grupo do goberno municipal  quere aclarar o seguinte, con respecto ao comunicado emitido polo Partido Popular do Carballiño:

  • O alcalde do Carballiño en todo momento puxo a estrutura municipal ao servizo da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza para facer cumprir as normas ditadas pola administración autonómica, publicadas no DOGA do 4 de novembro de 2020, que especifica dun xeito claro as medidas aplicadas ao noso concello dende as 00:00 horas do 5/11/2020.

As medidas recollidas literalmente son as seguintes, no que fai referencia a mobilidade e ao cumprimento do confinamento perimetral:

AVANTAR ACTIVIDADES

Prohibido entrar/saír agás por motivos:

 – sanitarios

-retorno ao fogar/familiar

– por coidado a dependentes.

– laborais, trámites administrativos inaprazables, requirimentos públicos, xudiciais, notariais

-educativos, exames ou probas inaprazables

-forza maior

As instrucións da Xunta son claras e aparecen recollidas de xeito expreso no DOGA referido para o concello do Carballiño, sendo estas indicacións as que aplican os corpos de seguridade que interveñen nos controis perimetrais (policía Local, Garda Civil e policía Autonómica). Este concello colaborará en todo momento coas autoridades sanitarias tratando de controlar a pandemia, para que O Carballiño recupere canto antes a normalidade e con ela a actividade económica.

       Na reunión mantida polo CECOR (centro de Coordinación) do COVID o 12 de novembro pasado, na Subdelegación do Goberno, entre os mandos da Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil e Policías locais dos concellos afectados polo peche perimetral, estimouse oportuno seguir aplicando controis perimetrais e, a modo informativo, non sancionador salvo casos especiais,  informar aos cidadáns que unicamente están permitidas as entradas por motivos estritamente de primeira necesidade, como se recolle no DOGA, e con causa xustificada.

       Estes controis fanse indistintamente en todas as entradas do concello e en coordinación coas forzas da Garda Civil e da Policía, tendo fundamentalmente un carácter informativo e disuasorio, tratando de seguir freando a curva de contaxios e coa finalidade de que a Xunta suavice canto antes as medidas restritivas que afectan a hostalería e o comercio para reactivar con forza a actividade económica e tratar de paliar canto antes os graves perxuicios económicos que están a sufrir. Esta realidade foi posta en coñecemento da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno, que comprenden dita realidade e están a colaborar co concello, compartindo ambas administracións as preocupacións e os desexos de poder voltar a normalidade canto antes.

*      A volta a normalidade, cunha evolución satisfactoria trala adopcións das medidas para controlar a curva de contaxios, require a toma de medidas responsables e o afastamento de demagoxias como fai o partido popular do Carballiño, pois o mellor que pode pasar á hostalería e ao comercio carballiñés é baixar as restricións e poder traballar nos vindeiros días, e especialmente no mes de decembro e xaneiro, onde a actividade económica adquire mais impulso. O Concello solicitará, como xa o fixo nas reunións mantidas, o levantamento das medidas que limitan a mobilidade, aperturas e aforos, se ben sempre respectará os criterios adoptados polas autoridades sanitarias e a Xunta de Galicia. O propio presidente puxo de manifesto a súa satisfacción pola evolución que amosa a pandemia no noso concello

  • Dende o concello queremos amosar a nosa gratitude e total apoio a Policía Local, Garda Civil e Policía Autonómica polo seu traballo a entrega no combate da pandemia do Covid dende o primeiro momento, a pesares de sufrir nos propios corpos de seguridade contaxios, aos que transmitimos o desexo dunha pronta recuperación.
  • Tamén pedimos a colaboración dos alcaldes da comarca e da veciñanza para que fagan un chamamento a evitar desprazamentos innecesarios, pois a mobilidade é un dos factores claves na expansión do virus polo territorio.
  • A confusión que sembra o PP só leva a dificultar máis a situación, provocando dubidosas interpretacións que en nada contribúen ao bo entendemento entre a cidadanía e os corpos de seguridade.
  • Por último, amosar o noso total apoio ao comercio, hostalería, ximnasios, e todas aquelas actividades que se están vendo afectadas gravemente polas restricións que se están a tomar por parte das autoridades autonómicas, e promover o impulso de liñas de axuda en todas as administracións públicas.
  • Acabar con esta pandemia e volver a normalidade é a mellor axuda que lle podemos facer entre todos á actividade económica do noso concello.