O concello apoia a reapertura dos ximnasios cun vídeo promocional

Os responsables dos catro ximnasios do Carballiño, Luciano Cendón, do ximnasio Kórpore; Claudio Mateo, do ximnasio Madokoan; Fidel Gómez, do ximnasio Funfit, e José Manuel Soto, do ximnasio Olimpia, reuníronse coa concelleira de Deportes, Silvia Baranda, co obxectivo de acadar o apoio do concello para a próxima reapertura dos establecementos, prevista para o próximo luns, 23 de novembro.

Publicidade

Trátase dunha actividade que resultou moi perxudicada pola pandemia, xa que estes establecementos permaneceron pechados a maior parte do tempo, polo que é necesario dar todo o apoio, según dixo a concelleira.

Silvia Baranda, ao igual que os responsables dos ximnasios, aseguran que son instalacións que gardan escrupulosamente as medidas sanitarias de prevención polo coronavirus, que teñen un índice moi baixo de contaxio e que favorecen que se faga exercicio físico, que é moi necesario para poder manterse en forma e combatir mellor o virus.

Como apoio desta campaña, editouse un video anunciando a reapertura dos catro ximnasios o 23 de novembro, e animando á veciñanza a acudir ás instalacións sen ningún medo, xa que contan con todas as medidas de seguridade.