Emilio González preside a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) ao que se incorpora a Policía Local de Ribadavia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu este mércores a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) ao que se incorporou a Policía Local de Ribadavia, debido á entrada en vigor o 14 de novembro neste concello das medidas restritivas da mobilidade decretadas pola Xunta de Galicia.

O subdelegado do Goberno indicou que a través do CECOR a Policía Nacional, a Garda Civil e a Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma manteñen a coordinación cos corpos de Policía Local dos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Xinzo de Limia, Verín e Ribadavia para garantir o cumprimento da normativa autonómica ditada para frear a propagación da COVID-19 e das medidas contidas no Real Decreto 926/2020. Así, na xuntanza deuse conta da tendencia á baixa das sancións por incumprimento da normativa sanitaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

Igualmente, Emilio González subliñou que as forzas e corpos de seguridade e as Policías Locais continuarán coa labor informativa e pedagóxica “xa que a cidadanía ten que asumir que coidarse supón tamén coidar aos demais a través dun comportamento responsable”.

Ao igual que nas reunións anteriores, o CECOR apelou á necesidade de seguir cumprindo as normas establecidas para garantir a saúde co obxectivo de frear a propagación do virus. “As medidas restritivas da mobilidade e o peche da hostalería son medidas duras. Por iso, os cidadáns debemos ser consecuentes e estritos no cumprimento das normas no ámbito privado para continuar reducindo os contaxios”, indicou Emilio González.

O subdelegado do Goberno recalcou o seu recoñecemento ás forzas e corpos de seguridade do Estado e aos corpos de Policía Local que “garanten os nosos dereitos e velan pola protección da nosa saúde”.

Na reunión participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro; o tenente coronel xefe interino de Operacións da Garda Civil, José Fermín Díaz Silva; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez Hernández; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez Estévez; o inspector principal da Policía Local de Ourense, José Luis Rodríguez Estévez; o xefe da Policía Local de O Carballiño, Francisco Valeiras Baranda; o xefe da Policía Local de Verín, Emilio Morillo Carballal; o xefe da Policía Local de Xinzo de Limia, Germán Bolaño Villalba; o xefe da Policía Local de Ribadavia, José Luis Vázquez Fernández; e o representante da Policía Local de Barbadás, Pedro Freire Guede.