Ribadavia ofertará 2.500 bonos de 10€ de desconto para o comercio local

A Xunta de Goberno do Concello de Ribadavia ven de poñer en marcha a campaña de dinamización do consumo no comercio local “Ribadavia chea de vida”. Esta campaña pretende inxectar no comercio local de Ribadavia a través de 2500 bonos desconto de 10 € para que a veciñanza de Ribadavia poda facer compras no comercio local.

A campaña constará de dous mil cincocentos bonos de desconto, por valor cada un deles de 10 euros para utilizar como desconto en compras superiores ou iguais a 30 euros nos establecementos de Ribadavia adheridos á campaña. A campaña realizarase ao longo do mes de decembro, coincidindo coa campaña de Nadal, e os bonos poderán trocarse no comercio ata o 31 de decembro coma data límite.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os comercios que desexen participar nesta campaña deberán ter a súa sede física e o seu domicilio fiscal no término municipal de Ribadavia e, ademais, adherirse á mesma presentando a súa solicitude segundo o anexo que se adxunta ás bases da convocatoria. As solicitudes dos establecementos que desexen particicpar presentaranse enviando o anexo debidamente cumplimentado ao enderezo electrónico ivan.aedl@ribadavia.es ata o próximo luns 30 de novembro, data límite para adherirse e poder participar nesta campaña. As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web do Concello de Ribadavia ( www.ribadavia.es ).

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “con esta campaña pretendemos poñer en circulación 25.000€ que permitirán activar o consumo no comercio local de Ribadavia na campaña de Nadal 2020, conseguindo minimizar o efecto negativo que esta pandemia está a ter sobre o pequeno comercio que, en definitiva é unha parte fundamental da economía social dun concello coma o de Ribadavia”

César Fernández afirmou que “Esta campaña ven a complementar as diferentes liñas de axuda e reactivación do comercio que o Concello de Ribadavia ven de poñer en marcha para facer fronte á complexa situación derivada da alerta sanitaria que estamos a vivir. En este tempo, dende o concello lévanse destinado máis de 100.000€ en axudas directas e campañas de dinamización do comercio para intentar minimizar os efectos económicos da pandemia e buscar que a situación sexa o menos negativa posible para as economías da veciñanza de Ribadavia.”