Marina Ortega pregunta “como é posible que a Xunta pretenda loitar contra a despoboación recortando servizos de sanidade, pechando aulas no rural e fomentando a perda dunha xeración por falta de oportunidades”

O grupo socialista propón a reformulación da lei de demografía da Xunta “para que poida ter efectividade real na demografía galega

Cualifica o texto de “escaparate baleiro de contido”, carente de financiamento e de medidas concretas

AVANTAR ACTIVIDADES

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamou hoxe a reformulación da Lei de Impulso Demográfico da Xunta “para que poida ter efectividade real na demografía galega”. O Grupo Socialista presentou unha emenda de devolución ao texto, que comezou hoxe o seu trámite parlamentario tan só co voto do PP, para reverter a caída demográfica de Galicia, cos peores datos de España e á cola de Europa.

Ortega advertiu que o texto chega ao Parlamento “baleiro de contido”, carente de financiamento concreto e de medidas eficaces para recuperar a baixa natalidade de Galicia. Sinalou que o texto presentado hoxe é “unha Lei de escaparate pero lamentablemente sen contido, que non compromete a blindaxe de servizos que garantan fixar a poboación” e que adoece dun “baleiro evidente na coordinación ou transversalidade de áreas de goberno”.

Acusou á Xunta de “xogar á confusión e á propaganda cunha Lei que é papel mollado, que amosa a incompetencia do goberno galego en materia demográfica”. Constitúe, dixo, “unha mestura de xeneralidades, vaguidades, sen concreción nin medidas, sen compromiso de financiamento, unha escapada cara adiante dun goberno autonómico superado pola realidade” dun país que perdeu 100.000 habitantes e onde “por cada galego que nace, morren dous”.

A falla nas políticas demográficas do goberno galego, dixo, “confirma que no goberno do PP non hai compromiso, nin rumbo, nin medidas para facer fronte ao reto demográfico”, que “non saben que facer” para evitar que Galicia expulse á xeración mellor preparada da súa historia. Ortega reclamou novas políticas eficaces que permitan que “os galegos e galegas marchen só de vacacións, e os que están fora regresen pronto a vivir na súa terra”.

Sinalou que a propaganda do goberno galego contrasta co “recorte de servizos na sanidade pública, na educación, nas comunicacións e accesibilidade, ou na aposta polo emprendemento especialmente nas zonas máis deprimidas”. Apuntou que a norma “é incompatible co intento de peche do paridoiro de Verín, das escolas no rural, cos recortes en Dependencia, o abandono do rural, a falla de políticas para a xuventude, ou coa falla de oportunidades para o emprendemento”.

Preguntou “de que serve un cheque infantil se non teño escola ou pediatra para levar ao meu fillo” e acusou ao PP de “eliminar servizos cando se perde poboación”. A responsable socialista reclamoulle a continuación ao goberno galego que “replantexen a súa política e pasen á xestión oposta, manteñan servizos para afianzar á poboación e permitir o seu retorno”.

Ademais, sinalou que a norma “limítase a recoller medias normativas xa existentes”, e na que o diálogo e consenso brillan pola súa ausencia nunha Lei elaborada facendo caso omiso ás achegas do resto dos grupos políticos, que “non xorde dun acordo político nin social e carece de dimensión, orientación, financiamento e medidas para reverter a situación actual”.

A responsable socialista contrastou a inacción do goberno galego coa batería de 60 medidas transversais presentadas pola Vicepresidencia para a Transición e o Reto Demográfico do goberno de España, que “incorpora por primeira vez un capítulo específico para inversións dedicadas ao reto demográfico”.

Instou ao goberno galego a seguir este exemplo e aproveite o “potencial de Galicia, a propia creatividade, o tecido asociativo nos concellos, nas cooperativas, de produtores e persoas emprendedoras” e que inclúa “unha aposta firme polo noso rural impedindo a degradación ambiental para así recuperar o gran atractivo que dota dun plus de potencial evidente a Galicia”.


O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 112 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa Mesa a seguinte emenda á totalidade ao Proxecto de lei de impulso demográfico de Galicia (PL-000003, doc. núm. 26624), con expresa petición de devolución, en virtude das seguintes consideracións:

Inicialmente, non podemos obviar que chama a atención que o proxecto de lei presentado, aínda que xa formaba parte dos compromisos do Goberno galego dende o ano 2016,  iníciase a súa tramitación administrativa practicamente tres anos máis tarde. Incluso, cabe lembrar que xa o Plan anual normativo aprobado pola Xunta de Galicia para executar durante o exercicio do 2018, incluía a través da Consellería de Política Social, a remisión dun proxecto de lei de impulso demográfico,  sen  que  dita  previsión  fora  cumprida  e  sen  que  se  dera xustificación algunha da tardanza evidenciada.

Do exposto, cabe deducir certa desidia para aprobar e desenvolver tal normativa, coa consecuencia de que os seus teóricos efectos están sendo retrasados de maneira consciente por parte da Xunta de Galicia que rematou a pasada lexislatura sen que tivese sequera debatido no Parlamento este proxecto de lei. Cuestión que, sen dúbida, contrasta coa importancia e necesidade que tenta transmitir o Goberno galego sobre esta norma dende hai anos, relevancia social pola que aposta este grupo parlamentario. Todo elo, pese a que, como se pode comprobar, as medidas contempladas xa existen en moi boa medida na actualidade, e, polo tanto, non constitúen novidades salientables, podendo ser postas en marcha sen necesidade de ningunha norma con rango de lei.

O proxecto de pei presentado posúe un carácter sumamente xenérico e en demasiadas ocasións meramente descritivo, constatando un exceso de indeterminacións e unha falla de concreción nas súas disposicións.

Igualmente percíbese unha ausencia de contido e concreción ao respecto dos medios, principalmente financeiros e materiais, precisos para acadar os obxectivos promulgados, con indeterminados aumentos futuribles. A maior afondamento, nin sequera a confusa e insuficiente redacción da disposición adicional primeira resolve tal cuestión, cando unicamente se refire a unha parte moi cativa do gasto que será preciso acometer.

Así mesmo, non podemos esquecer que o proxecto de lei obvia, entendemos que de maneira consciente e non recolle, a diferenza doutros textos lexislativos, artigo algún referido ás diferentes fontes de financiamento previsto para poder acometer os numerosos plans, programas ou medidas reflectidas.

Non deixa de sorprender a este respecto a valoración que dende os propios responsables da Xunta de Galicia se realizan. O seu propio presidente,  con respecto ao que suporá a lei unha vez que entre en vigor, estimou que serían preto dos 800 millóns de euros anuais. Esta contía non é máis que o resultado da suma de diversas partidas xa existentes na actualidade a nivel orzamentario para as distintas consellerías, sen que se presenten disposicións que sexa efectivamente novidosas no proxecto de lei, ou actuacións concretas para as que a aprobación deste resulte de certa utilidade.

A homoxeneidade ao respecto das diversas cuestións sectoriais reflectidas brilla pola súa ausencia, toda vez que en moitas ocasións son demasiado xerais e non se desenvolven; e noutras recollen, simplemente, aspectos que, en gran medida, xa están regulados na actualidade en diversa normativa sectorial de rango inferior. En consecuencia, constátase a inconsistencia de presentar unha norma con carácter de lei para executar as medidas que se recollen nesta proposta, cando moitas delas xa puideron ser postas en marcha ou aprobadas sen amparo de ningunha nova norma.

Bótase en falta calquera proceso para a concreción ou temporalización do proxecto de lei,  así como os controis sobre o seu grado de cumprimento que se estimen pertinentes.

Con todo, semella que o executivo galego – que leva máis de dous lustros co mesmo presidente da mesma formación política – non quere facer fronte as súas responsabilidades. Pretende o Goberno de Galicia trasladar cara ao futuro, así como xustificar a súa falta de iniciativas ao respecto, estando máis preocupado en manifestar que se aprobaron medidas legais, aínda que constitúan en gran medida unha mera declaración de intencións; que en reverter a situación demográfica. Ao noso entender, esta é unha cuestión na que non debería ter cabida ningunha formulación de carácter partidario, mediático ou propagandístico, como está a ocorrer por parte da Xunta de Galicia.

O estudo pormenorizado do proxecto, permítenos afirmar que non existe previsión algunha para a realización de calquera clase de programación concreta. En liña co exposto, tampouco se recollen medidas de control coa inclusión dun calendario de evolución dos indicadores demográficos ou sociais que se determinen e que permita avaliar a adecuación ao longo do tempo das medidas aos obxectivos propostos. Lonxe de aproveitar e partir da experiencia destes últimos anos para avanzar nos obxectivos do Proxecto de lei,  este limítase a recoller medidas normativas xa existentes.

Un  texto  legal  non  parece  o  instrumento  máis  acaído  para  afrontar  unha cuestión, como a da regresión demográfica e as súas múltiples consecuencias, que  presenta  unha  aparencia  poliédrica.  Esixe  actuar  sobre  aspectos  moi diversos da realidade e, sobre todo, obriga a actuacións concretas e mantidas no tempo. Trátase máis de plans ou programas que de regulacións legais, co que o proxecto de lei parece ir dirixido a obter unha dimensión propagandística para agochar o fracaso da Xunta de Galicia.

Xa no seu momento, mediante escrito dirixido ao Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, dende este grupo parlamentario presentáronse diversas achegas ao proxecto de lei, sen que, en liñas xerais,  en absoluto se tiveran en conta.

Daquela, solicitamos que por parte da Consellería de Política Social se dera traslado a este Grupo Parlamentario da documentación existente de calquera dos informes  que  ao  respecto  foran  elaborados,  xa  fosen  do  propio  sector autonómico ou das diversas entidades externas, así como que se remitisen todas as alegacións presentadas ao proxecto de lei, sen que tales demandas fosen atendidas.

O propio partido que sustenta ao goberno galego levaba no seu programa electoral de 2016 que se aprobaría esta lei a través dun “gran pacto político e social”, o que, a todas luces, non ocorreu pola falta de vontade de diálogo da Xunta de Galicia que decidiu presentar un proxecto de Lei sen ter en conta as achegas do resto de grupos políticos. Esta lei non xorde dun acordo político nin social e carece de dimensión, orientación, financiamento e medidas para reverter a situación actual.

Finalmente, non podemos concluír a nosa emenda sen lembrar que este mesmo partido político que lidera a Xunta de Galicia, recollía este ano 2020 no seu programa  electoral  ás  Eleccións  Autonómicas  que  ían  adaptar  o  texto  do

proxecto  de  lei  presentado  na  anterior  lexislatura  “ás  novas  circunstancias sociais  e  económicas  nacidas  trala  crise  da  COVID-19”,  o  que  de  xeito evidente, obxectivo e palmario temos constatado que non foi así.

O texto que se presenta e que é obxecto de análise é exactamente o mesmo que se someteu á consideración desta Cámara na X Lexislatura, sen modificar nin unha soa coma e moito menos sen incluír nin a máis mínima referencia á pandemia, aínda que só fose na exposición de motivos para xustificar o cumprimento do seu compromiso electoral.

En virtude de todo o exposto e das cuestión detalladas na presente emenda, considérase que o proxecto de lei remitido debe ser rexeitado e devolto a Xunta de Galicia para a súa reconsideración.