O Concello edita un video polo 25N cos centros educativos. Emitirase por Badal TV

O Concello edita un video polo 25N cos centros educativos, en sustitución do acto presencial habitual, que non se celebra polas restricións pola covid

Debido ás restricións pola situación da Covid-19, que imposibilitan a realización de actos presenciais e a concentración de xente, a concellería de Benestar Social, Igualdade, Sanidade, Educación e Normalización Lingüística, a través do Centro de Información da Muller (CIM), editou un video coas actividades e intervencións  dos centros educativos do Carballiño e Aspadisi referidos ao Día Internacional pola Eliminiación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora hoxe.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este vídeo, que ten unha duración de 30 minutos,  e conta con imaxes tanto de arquivo de anos anteriores como outras actuais gravadas para esta ocasión, poderase ver  en Youtube e tamén se emitirá por Badal Novas TV.

Así mesmo, publícase un manifesto da corporación municipal no que se expresa o rexeitamento da violencia contra as mulleres e se demanda unha igualdade real.

Finalmente, a fachada do concello, así como a escultura Munten, están iluminadas estes días con luz de cor violeta, representativa da loita contra a violencia de xénero.

MANIFESTO

Hoxe, 25 de novembro dende o Concello do Carballiño temos que dicir:

Que a violencia de xénero é unha das máis graves violacións dos dereitos humanos que corta a vida de miles de mulleres en todo o planeta.

A día de hoxe, foron asasinadas, a mans das súas parellas ou ex parellas en España, 42 mulleres, 37 menores polos seus pais e 301 quedaron orfas/os como consecuencia da violencia de xénero.

A parte, no confinamento vimos que miles de mulleres conviviron cos seus agresores as 24 horas do día. Os maltratadores víronse impunes xa que o encerro dificulta e impide as relacións fóra do fogar, o que imposibilita pór unha denuncia.

Desde o 14 de marzo ata o 28 de abril, 8 mulleres foron asasinadas no confinamento, 2 polas súas parellas, 3 a mans dos seus fillos e 1 vítima do inquilino co que convivía. Os asasinos das dúas restantes seguen sen identificar.

Estas cifras representan o profundo problema social e estrutural que lle impide ás mulleres vivir digna e libremente.

No mundo cada día, miles de mulleres son vítimas de violencia psicolóxica, física ou sexual exercida pola súa parella ou ex parella, mutilación xenital feminina que as condena ao non goce da sexualidade e a problemas de saúde, matrimonios fozados a idades temperás, trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual ou violencias sexuais, entre outras formas de violencia machista que impiden a liberdade das mulleres.

Por todo isto, a corporación do Carballiño amosa o seu rexeitamento e condena a quen exerza a violencia machista de calquera tipo e avoga polo respecto, os bos tratos e pola igualdade entre mulleres e homes e adopta un papel activo para denunciar a violencia e erradicala sen permanecer en silencio e fomentando cantas medidas sexan precisas para apoiar ás vítimas e promover o cambio social.

Por todo isto, dende a corporación seguiremos loitando por un mundo sen machismo, sen violencia machista.. por nós, por elas que xa non están e polas futuras.