Cruz Vermella e o comercio local recolectan xoguetes para o Nadal

A Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto colabora coa Cruz Vermella na súa campaña “Os seus dereitos en xogo”.

Esta campaña é unha iniciativa de Cruz Vermella, cuxos principais obxectivos son, en primeiro lugar, promover o uso de xogos e xoguetes como ferramenta educativa e de transmisión de valores no contexto escolar e familiar, ademais de dotar ás familias en dificultade social con nenos e nenas ao seu cargo, de xogos e xoguetes, enmarcado nun sistema de traballo real con estas persoas para que se cumpran os obxectivos de transmisión de valores e xogo saudable.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este ano, a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto súmase a esta marabillosa campaña asinando un acordo de colaboración coa Cruz Vermella, onde se detalla que vinte e dous establecementos asociados actuarán como punto de recollida de todos os xoguetes doados para esta iniciativa solidaria.

O prazo de entrega é desde hoxe 27 ata o 15 de decembro. Os 22 establecementos nos que se poden depositar os xoguetes a partir de hoxe son os seguintes: Eniac Informatica, Flor de Lis, Sol Plata, Innova Decor, Contos, Confitería Cerviño, Aura Modas, Dulcinea, Futboleros, Hobby Sport, Ende Ben, Chikitines, Outlet Alba Conde, La Moderna, Cortinas López, Papaventos, Publiocho, Parafarmacio O Buxo, Bar Soldado, Din Don Ucha e Píkaros.

A sinatura deste convenio tivo lugar esta mañá na sede da Cruz Vermella do Carballiño, e á mesma asistiron o presidente do CCA, Julián Garriga, e a coordinadora da Cruz Vermella no Carballiño, Jamaica Beneitez Varela.

Julián Garriga dixo que se trata dun acordo de colaboración moi especial, no que participan 22 establecementos comerciais do Carballiño, e que espera que sexa un gran éxito.

Jamaica Beneitez agradeceu a colaboración do CCA e dos establecementos que participan na campaña, da que dixo que recolleu o pasado ano 40 xoguetes na comarca e 500 na provincia, e que para este ano, debido á pandemia, hai máis familias necesitadas, polo que se pide a xenerosidade da veciñanza do Carballiño e da comarca. Neste senso recordou que deben ser xoguetes novos, formativos, non sexistas nin bélicos.