O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén reúnese co presidente da asociación provincial de agrupacións de protección civil da provincia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Galicia vén de rexistrar o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao acadar as 234 entidades activas

  • Entre os anos 2015 e 2019 a Xunta de Galicia investiu na adquisición de medios de emerxencias aos concellos para a súa utilización polas AVPC ou servizos de emerxencia municipal algo mais de 12 millóns de euros en toda Galicia e de case que 3.5 millóns de euros na provincia de Ourense
  • O delegado territorial destacou “o traballo altruísta dos voluntarios e voluntarias de protección civil, que nos derradeiros meses realizaron preto de 60 mil operativos na provincia  de Ourense”
  • Gabriel Alén subliñou que “a Xunta traballa pola potenciación destes grupos, procurándolles non só unha dotación de medios senón tamén unha ampla formación do voluntariado”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse está maña co presidente das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, Clemente Pérez, para agradecerlle o intenso labor deste colectivo desenvolvido durante esta pandemia.

O delegado territorial destacou “o traballo altruísta dos voluntarios e voluntarias de protección civil, que nos derradeiros meses realizaron preto de 60.000 operativos na provincia  de Ourense”. Así, fixeron actuacións en distintos ámbitos como o reparto de alimentos e medicamentos a persoas en situación de vulnerabilidade, a limpezas e desinfeccións externas en lugares sensibles ou de pública concorrencia dos concellos ou a execución de avisos e información á poboación durante o confinamento. Tamén, dende que principiou a pandemia, prestaron apoio loxístico a medios de intervención, colaboraron no desenvolvemento das eleccións autonómicas e axudaron na campaña da vacinación da gripe.

Gabriel Alén puxo en valor o traballo que realizan as agrupacións “como reforzo dos servizos de emerxencias, especialmente en actividades de prevención, colaboración e incluso de intervención no suceso ou accidente”. Neste senso, o representante provincial do Goberno galego subliñou que “a Xunta traballa pola potenciación destes grupos, procurándolles non só unha dotación de medios senón tamén unha ampla formación do voluntariado”; resaltando que “a administración autonómica fixo nos últimos anos un importante esforzo económico na compra de equipamentos de emerxencias”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Adquisición de material

Asociación Provincial de Agrupacións de Protección Civil investirá este ano o importe íntegro do convenio subscrito coa Xunta de Galicia para a promoción das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia, na compra de material sanitario e desinfección, que será repartido entre todos os membros. Deste xeito, os  6.000 euros aos que ascende o convenio foron destinados a compra de 152 litros de desinfectante hidroalcólico, 104 buzos de protección, 48 botas, 39 gafas, 37 máscaras e 53 pares de luvas.

O presidente, Clemente Pérez, destacou “o gran traballo que levan feito as agrupacións ao longo destes anos, e especialmente nestes difíciles meses da pandemia, tratando de contribuír con esta aportación de material, a operatividade das mesmas e poder continuar ofrecendo un gran servizo á cidadanía”

Entre os anos 2015 e 2019 a Xunta de Galicia investiu na adquisición de medios de emerxencias aos concellos para a súa utilización polas AVPC ou servizos de emerxencia municipal, creando unhas liñas de subvencións en especie, que nesta provincia supuxeron a adxudicación de 41 vehículos pick up, 13 furgóns de loxística, 46 remolques de emerxencia, embarcacións pneumáticas, remolques con carpas para as emerxencias e esparexadores de sal e equipos de excarceración,  etc. Un investimento total de algo mais de 12 millóns de euros en toda Galicia e de case que 3.5 millóns de euros na provincia de Ourense. A este total hai que engadir 3 vehículos pick up, 2 remolques de emerxencias, 9 coitelas quita neves, 8 esparexadores de sal e 5 tendas para emerxencias que recentemente se acaban de adxudicar, e que corresponden a subvención de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, co financiados polo Fondo FEDER para este ano 2020.

Galicia vén de rexistrar, hai uns días, o seu máximo histórico de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao acadar as 234 entidades activas. O que ben a remarcar o bo momento polo que pasa a Protección Civil en Galicia. Incorporándose neste 2020 na provincia de Ourense 2 novas Agrupacións de Voluntarios as AVPC de Melón, que se reactivou, e a recentemente creada no concello de Maside.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------