O PP presenta unha moción contra “a imposición do modelo educativo caduco que representa a Lei Celaá”

A iniciativa esixe a volta ao Pacto Constitucional en materia de educación, garantindo o dereito das familias a elixir o modelo educativo, o centro onde escolarizar aos seus fillos, a existencia e gratuidade de centros de educación especial, públicos e privados concertados, ou a adopción de medidas para que o ensino da lingua castelá e as linguas cooficiais non sexan fonte de discriminación.

O portavoz do grupo popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, denuncia a falta de garantías dunha lei que “o Goberno tramitou en pleno estado de alarma, acelerando os prazos parlamentarios, furtando o debate, sen contar coa comunidade educativa nin co informe do Consello de Estado nin do Consello Escolar do Estado; un feito sen precedentes no debate doutras leis educativas, amosando unha total falta de diálogo, consenso e transparencia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo provincial do Partido Popular levará ao pleno do presente mes de decembro unha moción contra “o ataque frontal á democracia e a imposición do modelo caduco, anticuado e superado” que representa a reforma educativa que promove o Goberno, coñecida como “Lei Celaá”. Unha iniciativa na que esixe a volta ao Pacto Constitucional en materia de educación, respectando a doutrina constitucional que, nas súas diferentes sentenzas, garanten o dereito das familias a elixir o modelo educativo, o centro onde escolarizar aos seus fillos e a existencia de centros de ensino diferenciados, como unha opción máis para o acceso ao ensino en condicións de igualdade. Dereitos polos que o Partido Popular loitará presentando, ademais, un recurso de inconstitucionalidade contra esta reforma.

O portavoz do grupo popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, denuncia a falta de garantías dunha lei que “o Goberno tramitou en pleno estado de alarma, acelerando os prazos parlamentarios, furtando o debate, sen contar coa comunidade educativa nin co informe do Consello de Estado nin do Consello Escolar do Estado, e votando máis de mil emendas nunha única sesión no Congreso”. Un feito, engadiu Álvarez, “sen precedentes no debate doutras leis educativas, dándolle ás costas á sociedade e a todos os representantes da comunidade educativa, amosando unha total falta de diálogo, consenso e transparencia”.

A moción do grupo provincial popular sinala que a “lei Celaá” representa a imposición do modelo da Lei Orgánica de Educación de Zapatero, que elevou as taxas de abandono educativo temperán ata preto do 30 %.

Agora, sinala a iniciativa popular, impídese ás familias elixir a educación e o centro educativo que queren para os seus fillos; ignóranse as competencias exclusivas do Estado establecidas no artigo 149 da Constitución, de regulación das normas básicas do desenvolvemento do dereito á educación e a liberdade de ensino; e se elimina o castelán como lingua vehicular.

Diante deste ataque frontal ao sistema educativo, o grupo popular formula para a súa aprobación en pleno un total de 11 acordos, comezando por esixir ao Goberno central á volta ao Pacto Constitucional sobre educación.

Gratuidade das etapas postobrigatorias

Tamén se pide respectar o dereito dos pais a escoller para os seus fillos a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas conviccións; adoptar as medidas oportunas para que o ensino da lingua castelá e as linguas cooficiais non sexan fonte de discriminación; e estender a gratuidade dás etapas postobrigatorias, Bacharelato e Formación Profesional, configurando a etapa de educación infantil de 0-3 anos como voluntaria e gratuíta.

Na moción tamén figuran demandas como a existencia e gratuidade de centros de educación especial, públicos e privados concertados, ou a incorporación de medidas de calidade e excelencia de referencia nos países da nosa contorna; ou o respecto aos corpos nacionais do profesorado.

Para que o sistema educativo garanta a igualdade de oportunidades, o PP reclama a creación dun Fondo de Cohesión Territorial, co financiamento adecuado ás comunidades autónomas e actuacións preferentes naquelas zonas ou centros que precisen medidas de calidade específicas; o reforzo da Alta Inspección, para os ensinos observen o disposto pola Constitución española; implantar unha proba xeral de Bacharelato, única en toda España; un plan trienal de avaliación do sistema educativo; e un currículo común en toda España.

A moción inclúe propostas como un plan integral para a modernización e transformación dixital do sistema educativo; a obrigatoriedade da aprendizaxe dunha segunda lingua estranxeira; unha FP dual acorde ás esixencias do noso modelo produtivo; ou un plan de emerxencia educativa para situacións de catástrofes, crises sanitarias ou contaminacións graves.

A petición de apoio ao recurso de inconstitucionalidade que o PP presentará contra esta reforma, para que non se vulneran os dereitos recollidos na Carta Magna, pecha a relación de peticións que os populares inclúen na súa moción.