O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén visita as obras do cpi Antonio Failde de Coles

  • Gabriel Alén, comprobou esta mañá o estado das obras da ampliación do comedor e da construción dun salón multiusos nas que a Xunta investiu máis de 96.000 euros para mellorar a prevención fronte á covid-19
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense lembrou que dende 2017 a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu máis de 600.000 euros neste centro
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá o CPI Antonio Failde de Coles para comprobar o estado das obras da ampliación do comedor e da construción dun salón multiusos nas que a Xunta investiu máis de 96.000 euros co gallo de garantir as medidas de distanciamento que contribúan a minimizar os riscos derivados da covid-19 a alumnos e persoal docente.

Acompañado por parte do equipo directivo deste centro, o representante do Executivo autonómico detallou que os traballos consistiron na ampliación do comedor cara os espazos que forman os entrantes e saíntes da fachada e patio de luces, unha vez pechados e cubertos, conseguiuse un espazo diáfano 50 m² maior.

Asemade, o delegado territorial da Xunta explicou que se acondicionou un semisoto do edificio polideportivo, unha vez saneadas as humidades e con nova carpintería e instalación eléctrica, para emprazar un novo salón multiusos que permite manter as actividades dos escolares respectando unha maior medida de distanciamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén lembrou que desde 2017 a Xunta investiu máis de 600.000 euros neste centro, tanto na mellora dos servizos como na renovación dos seus equipamentos, e subliñou o esforzo orzamentario da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para posibilitar as clases presenciais, coa maior das seguridade, sempre que a situación sanitaria o permita.