Deputación e Fundación Araguaney achegan a Ourense o cine árabe co ciclo “Amal en ruta” 2020

Ás 11.00 horas: Ciclo "Amal en ruta" 2020.- Na sala de prensa do Pazo Provincial terá lugar a presentación do ciclo de cinema euroárabe "Amal en rural" 2020, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, e do directivo do cineclube Padre Feijóo, Manuel Rodríguez. A cobertura informativa (redactores e gráficos) realizarase por vía telemática a través da web da Deputación de Ourense (enlace: http://depourense.seneca.tv/live). As preguntas poden formularse durante a rolda de prensa a través de WhatsApp ao número: 609 861 975.
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Baltar destaca “a oportunidade que se nos brinda para coñecer unha perspectiva actual do cinema árabe grazas ao labor de integración cultural que fai a fundación” 

Ghaleb Jaber afirma que o ciclo Amal, no que xa se proxectaron máis de medio milleiro de películas, ten por obxecto “loitar contra a desinformación e a discriminación do mundo árabe” 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As películas desta edición, que se proxectarán no Cineclube Padre Feijoo, reflicten diversas realidades sociais, como a viaxe a Europa dunha familia kurdo-siria que fuxe da guerra, ou a historia dunha refuxiada palestina que tenta pór en marcha un proxecto empresarial, entre outras 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber, e o directivo do Cineclube Padre Feijóo, Manuel Rodríguez, presentaron hoxe no Pazo Provincial o ciclo de cinema euroárabe “Amal en ruta Ourense 20”, que do 10 ao 13 de decembro proxectará na Casa da Cultura de Ourense seis cintas -tres ficcións e tres documentais- co obxectivo de achegar a sociedade árabe aos ourensáns a través do mellor cine desta cultura. 

Manuel Baltar destacou na presentación “a oportunidade que se nos brinda para coñecer unha perspectiva actual do cinema no mundo árabe, grazas ao labor de integración cultural que, a través destas programacións, fai a Fundación Araguaney desde hai 17 anos”. Baltar subliñou que a Deputación de Ourense se sumou hai catro anos a esta iniciativa, “dentro da firme aposta que a institución provincial fai polo audiovisual e polo cinema, nomeadamente asumindo a organización do Ourense Film Festival”. Agradeceu tamén á colaboración do Cineclube Padre Feijoo, que cualificou como “cooperador necesario”, felicitando a esta entidade polo 50 aniversario. 

Pola súa banda, o presidente de honra da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, afirmou que o ciclo Amal, no que xa se proxectaron máis de medio milleiro de películas, ten por obxecto “loitar contra a desinformación e a discriminación do mundo árabe, que en realidade é unha cultura mediterránea que nos une, unha cultura que non é mellor nin peor, só diferente”. 

A propia Fundación Araguaney, explicou Jaber, naceu hai 36 anos “como ponte de culturas, porque as pontes unen e os muros separan, e a maior parte deses muros son mentais, os máis perigosos por partir da ignorancia, que é a forma máis grande de manipulación”. 

Cineclube Padre Feijoo, “pantalla amiga” 

Manuel Rodríguez, directivo do Cineclube Padre Feijoo, definiu a esta entidade como “unha pantalla amiga” no labor de achegamento de producións cinematográficas que teñen difícil difusión. Para el, estas películas representan “un cinema de resistencia, feito in situ, sen grandes producións e contando verdades que todos deberíamos coñecer, converténdose en fontes de información que o noso público e os nosos socios valoran moito”. Destacou tamén a selección por parte da Fundación Araguaney de películas cunha perspectiva de xénero moi singular. 

As seis cintas seleccionadas para este ciclo -en versión orixinal con subtítulos en castelán– reflicten a través dos xéneros de ficción e documental unha gran diversidade de ámbitos e realidades sociais, como a viaxe a Europa dunha familia kurdo-siria que foxe da guerra, ou o proxecto dunha muller refuxiada palestina que trata de poñer en marcha unha empresa de cátering e restauración, entre outras. 

O xoves, día 10, o público poderá ver o documental “Soufra” (17:00 horas) e a película “Look at me” (20:00 horas). O venres, día 11, proxectarase o documental “A guerra empeza aquí” (17:00 horas), e a ficción “Mafak” (20:00 horas). O sábado, día 12, a cinta elixida é o documental “Sky  and  Ground” (17:00 horas). O domingo, día 13, pechará o ciclo a longametraxe de ficción “Yomeddine (17:00 horas). 

A entrada é gratuíta, con aforo limitado a 30 persoas, que poderán acceder á sala media hora antes de cada sesión. Será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, así como o cumprimento das normas de seguridade e indicacións do persoal de sala.