‘Xusto cando máis falta fai ter luz, alegría e cor que animen ás compras na rúa, unha vez máis temos que sufrir por parte do concello atrasos na iluminación #do Nadal’. Con estas palabras resume Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio, o sentir común dos comerciantes da cidade, que ven como novamente o concello de Ourense non cumpre coas súas promesas e non pon o necesario para remediar a situación pola que atravesa este sector, dos máis castigados pola pandemia, segundo apreciacións dos seus membros. Tanto a presidenta do gremio como integrantes do mesmo consideran que o concello incumpre novamente promesas e prazos, e lamentan que a capital da provincia e cidade máis poboada é xusto a última en lucir adornos e luces, aínda en fase de instalación. E non só sucede isto a nivel provincial, apuntan desde a federación, xa que ‘en toda Galicia, por desgraza só queda Ourense por iluminar, polo que o ridículo ao que nos somete este concello está a traspasar fronteiras’. Os comerciantes ourensáns indican, así mesmo, que albergaban moitas expectativas de fronte ao período do Nadal dun ano tan atípico e demoledor por culpa da pandemia, e que tiñan postas as súas esperanzas na iluminación, xa que o alcalde anunciara este como o máis caro de toda a historia da cidade, pero lamentan ‘que sexa tamén o máis breve e efémero’. Desde a federación recoñecen non saber aínda que data manexa o concello para o aceso, pois non se lles avisou de nada respecto diso, e consideran que xa se sentaron suficientes precedentes outros anos e noutras cidades galegas, como para que leve a cabo a finais do mes de novembro, por iso declaran que, ‘tendo doce meses por diante cada ano, non entendemos que se volva a caer no mesmo erro pero que o alcalde bote balóns fose culpando de todo á burocracia e aos funcionarios, e ao final, os prexudicados somos os de sempre’.