Luís Gulín traslada o malestar de centos de pensionistas retornados ante os prazos imposibles da axencia tributaria de Galicia para trámites “innecesarios”

Ourense 24/10/18 Entrevista a Luis Gulín Fotos Martiño Pinal

Luís Gulín lamenta que os pensionistas retornados recibiran cartas en pleno mes de agosto informando que nun prazo de dez días debían demostrar a orixe das súas pensións mediante certificados traducidos

Publicidade

Denuncian que a Secretaría Xeral de Emigración, en mans de Rodríguez Miranda, ofrece información “incorrecta e confusa” e contén “erros garrafais” na súa páxina web

A Secretaría de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense vén de trasladar o malestar de centos de pensionistas retornados ante os prazos imposibles da Axencia Tributaria de Galicia para levar a cabo trámites que consideran “absurdos e innecesarios”. Os socialistas teñen constancia de que, durante os meses de xullo e agosto, aquelas persoas que perciben unha pensión estranxeira recibiron cartas informando de que debían xustificar a diferenza entre a contía neta e bruta das súas percepcións, algo que, segundo explicou o secretario de Emigración, Luís Gulín, “se debe a que a Seguridade Social alemá retrae unha cantidade para destinala á asistencia sanitaria en España”, un aspecto “recollido nos tratados europeos”.

“Para nós é moi sorprendente que a Axencia Tributaria descubra no ano 2021 que existen xubilados que perciben unha pensión estranxeira e que o país emisor se queda cunha parte” lamentou. “Un dos pilares fundamentais na constitución da Unión Europea era que a partir de 1986 aqueles pensionistas que viñeran a España e se instalaran aquí tiñan dereito a pensión gratuíta, unicamente traendo un papel que lles permitise darse de alta como pensionistas estranxeiros”, clarificou Gulín.

Neste sentido, o socialista lembrou que “a AEAT xa ten información do motivo dese desfase entre a pensión que declaran vía certificados bancarios e a orixinal, polo que non hai necesidade de pedir esa información”, que segundo o secretario de Emigración dos socialistas de Ourense, se require “traducida ao castelán”. “Ollo! A AEAT de Galicia non acepta traducións ao galego, senón que as rexeita argumentando que teñen que estar en castelán forzosamente aínda que eu entendo que a maioría dos seus funcionarios dominan o idioma galego”, puntualizou.

Prazos imposibles en pleno agosto

Así mesmo, o socialista relatou que, nas cartas enviadas pola Axencia Tributaria aos xubilados retornados con pensións exclusivamente estranxeiras durante os meses de verán, reclámase que acrediten a orixe das súas pensións nun prazo de dez días, unha circunstancia que fixo que “moitos emigrantes retornados decidisen cancelar as súas vacacións e viaxes por medo a que nos días que estaban fóra lles chegasen as notificacións e cando volvesen xa pasaran os dez días preceptivos”.

“Atopámonos coa situación absurda de que a AEAT me comunica a min que ten constancia oficial de que eu cobro unha certa contía e que a declarei correctamente, pero a maiores pídeme que acredite que eu efectivamente cobro esa pensión de Alemaña e que mande os certificados pertinentes en dez días, traducidos ao castelán”, sinalou Gulín, quen tachou de “imposibles” os prazos e criticou que os emigrantes teñan que “atopar un tradutor en tempo récord e pagar do seu peto o coste da tradución nalgo que a AEAT coñece”.

Ademais, desmentiu que tales certificados poidan ser obtidos nun prazo de oito días, como se indica na comunicación, posto que “a Seguridade Social alemá, grazas á Axencia Tributaria, está absolutamente saturada”.

Neste sentido, o socialista aproveitou para pór en valor o traballo realizado pola secretaría de Emigración do partido, dende a cal se advertiu a Alemaña da posible “avalancha” de solicitudes ante a recente sentenza do TEAC que permite aos pensionistas estranxeiros deducir as contribucións á seguridade social do país de orixe, unha información grazas á cal reforzaron a oficina do norte de Hamburgo, do sur de Stuttgart e do centro de Frankfurt.

Información incorrecta por parte da Xunta

Ademais, o secretario de Emigración aproveitou para denunciar que a Secretaría Xeral de Emigración, en mans de Antonio Rodríguez Miranda, ofrece información “incorrecta e confusa” e contén “erros garrafais” na súa páxina web.

“Nós informamos no mes de xullo de que na páxina web relativa a Alemaña había información errónea, posto que había unha ligazón que levaba a unha suposta axencia tributaria en Alemaña que non existe, posto que non se trata dun organismo centralizado como sucede en España”, aclarou o socialista, ao tempo que lamentou que “de momento nin a corrixiron nin temos resposta de ningún tipo por parte da Xunta de Galicia”.