O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén fai entrega dos alimentos non perecedoiros ao Banco de Alimentos

  • Gabriel Alén fixo entrega dos alimentos non perecedoiros recollidos ata o momento a través do servizo provincial de Emerxencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira, en colaboración con 40 agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá
  • O delegado territorial agradeceu o labor desinteresado e altruísta das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia a prol dos máis vulnerables

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acudiu esta mañá ao almacén que o Banco de Alimentos de Ourense ten no Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar para facerlle entrega ao presidente desta entidade benéfica, Cecilio Santalices, dos alimentos non perecedoiros recollidos ata o momento a través do servizo provincial de Emerxencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira, en colaboración con 40 agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá.

Este ano, baixo lema “Por un Nadal feliz  para todos” os voluntarios de Protección Civil están a desenvolver unha campaña de recollida de alimentos co obxectivo é colaborar coas familias máis necesitadas. Para elo, emprazaron un puntos de recolección en diversos edificios públicos (Casas do Concello, Centros de Saúde, colexios ou centros socias..), pero tamén en supermercados, tendas e áreas comerciais onde os cidadáns poden depositar os alimentos non perecedoiros, que en dúas quendas serán remitidas ao Banco e Alimentos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta campaña non se marcan obxectivos cuantitativos en canto a número de quilogramos a recoller;  o que se pretende é, nunha época tan especial como é o Nadal e nun ano tan difícil marcado pola pandemia da COVID-19, colaborar na axuda dos máis desfavorecidos. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta, agradeceu “o labor desinteresado e altruísta das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia a prol dos máis vulnerables,  sendo este o quinto ano, que de forma consecutiva, colaboran co Banco de Alimentos nesta campaña de recollida”.