O delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén supervisa o traslado do arquivo documental das cámaras agrarias ao arquivo histórico provincial

  • Gabriel Alén agradeceu o minucioso traballo do persoal da Consellería do Medio Rural en Ourense que se encargou da recompilación da documentación existente e a súa conservación centralizada nun único depósito
  • “Este labor, concienciudo e coidadoso, sinalou o delegado territorial, permitirá coñecer polo miúdo a historia do noso agro nos últimos 130 anos, e suporá ter referentes sólidos do vínculo dos nosos antepasados á terra e aos seus froitos”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta mañá os traballos de traslado do arquivo documental, procedente tanto das Cámaras Agrarias Locais como da Cámara Provincial, ao Arquivo Histórico Provincial para conservalo como patrimonio histórico documental e permitir o acceso da cidadanía a toda esta información con fins de consulta ou estudo.

Publicidade

Gabriel Alén agradeceu o minucioso traballo do persoal da Consellería do Medio Rural en Ourense que se encargou da recompilación da documentación existente e a súa conservación centralizada nun único depósito. Así, durante os dous últimos anos acometeron traballos de análise, identificación e clasificación desta valiosa información sobre as explotacións agrarias na provincia, que remataron recentemente coa filiación de máis de 150 metros lineais de documentación, harmonizada por ámbito territorial de procedencia e materia.

“Este labor, concienciudo e coidadoso, sinalou o delegado territorial, permitirá coñecer polo miúdo a historia do noso agro nos últimos 130 anos, e suporá ter referentes sólidos do vínculo dos nosos antepasados á terra e aos seus froitos”.

Historia

As Cámaras Agrarias en España tiveron a súa orixe no ano 1890, concibidas coa idea dunha organización profesional agraria. A súa tarefa de apoio ao desenvolvemento rural en Galicia ata finais dos anos oitenta foi fundamental para a mellora da poboación agraria nas distintas etapas que experimentou o agro. A través delas canalizábanse ao agricultor ás accións concretas de política agraria, tiñan a consideración de oficina pública a efectos de presentación e tramitación de todo tipo de documentación e prestaban asesoramento aos agricultores sobre subvencións, axudas, programas, obrigacións e normativa xeral agraria.

As súas actuacións foron moi variadas: tramitación de expedientes de afiliación á seguridade social agraria e xubilacións, expedientes de subvencións, execución de infraestruturas, fomento do asociacionismo e da comercialización, rexistro da actividade agraria, control de pragas, censos agrarios, censo de maquinaria agrícola, etc…