Gabriel Alén agradece á asociación de familiares de enfermos de alzhéimer o seu labor de acompañamento e asesoramento durante a pandemia

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense louvou o traballo desta organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntarios, colaboradores e profesionais, que ten como finalidade mellorar a vida das persoas tralo impacto causado por esta enfermidade
  • O representante autonómico anunciou a concesión da Consellería de Política Social de case 52.000 euros para a contratación de persoal especializado
  • Subliñou que a asociación recibiu máis de 60.000 euros en 2017; máis de 124.000 euros no ano 2018; e case 55.000 euros no ano 2019 con cargo ao 0,7 % do IRPF

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, agradeceu á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) o seu labor de acompañamento e asesoramento levada a cabo durante a pandemia. No encontro que mantivo esta mañá coa presidenta da organización, María Dolores Neira, o representante do Goberno autonómico louvou o traballo desta organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntarios, colaboradores e profesionais que ten como finalidade mellorar a vida das persoas tralo impacto causado pola enfermidade do Alzhéimer.

Publicidade

Gabriel Alén, quen aproveitou a reunión para achegarse aos proxectos que esta organización está a desenvolver na provincia e sobre as súas iniciativas de futuro, amosou aos responsables da asociación o apoio do Goberno galego. A Xunta de Galicia colabora con esta entidade tanto na atención de persoas con alzhéimer como dos seus familiares, como o servizo de estimulación terapéutica, os programa de envellecemento activo, de prevención do deterioro cognitivo, de capacitación dixital, de atención diurna, de atención sociosanitaria en centros de día, de apoio e formación a coidados e de respiro familiar, entre outros.

O delegado territorial en Ourense lembrou que o Goberno galego achegou nestes últimos catro anos máis de 71.000 euros ao servizo de estimulación terapéutica de AFAOR, aos que hai que sumar os case 52.000 euros para a contratación de persoal especializado, os máis de 32.600 que concedeu para o proxecto de adecuación do centro e os preto 20.000 que destinou aos diferentes programas que ten en marcha a través da Federación Alzhéimer Galicia.

Maior orde de axudas da historia
A Xunta aprobou, ademais, para 2021 a maior orde de axudas da historia destinada a entidades de iniciativa social, dotada con 17,8 millóns de euros e que pon á disposición do tecido asociativo de Galicia fondos para desenvolver actividades entre os anos 2020 e 2022 dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión.

Este orzamento supón un incremento do 12% con respecto á última convocatoria, a de 2018-2020. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A última convocatoria desta liña de subvencións financiou 846 proxectos, e estímase que neste exercicio poidan facerse realidade arredor de 946 propostas.

O reforzo desta liña de axudas contribuirá tamén a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.